concellos Eleccións locais 2023

Antonio Estévez Blanco, candidato socialista á alcaldía de Paderne de Allariz

ANTONIO ESTÉVEZ BLANCO SERÁ O CANDIDATO DO PSDEG-PSOE Á ALCALDÍA DE PADERNE DE ALLARIZ CO OBXECTIVO DE TRABALLAR A CARÓN DA VECIÑANZA E OFRECER UNS SERVIZOS “DIGNOS” E “EFICIENTES”

A principal meta que se marcan os e as socialista de Paderne “é abrir o Concello á veciñanza para darlle voz e que poidan expresar todas as súas suxestións, sendo partícipes do día a día no municipio”

Antonio Estévez fai fincapé en que “temos que traballar por tratar de atraer poboación, porque a xente moza quede en Paderne, por construír unha residencia de maiores e por buscar investimentos na procura duns mellores servizos e do benestar da veciñanza”

Paderne de Allariz, 13 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense informa que Antonio Estévez Blanco “Toño” será o candidato socialista á alcaldía de Paderne de Allariz de cara ás municipais que se celebrarán no vindeiro mes de maio. Trátase dunha persoa moi implicada xa na defensa do municipio e que leva anos traballando a diario a carón da veciñanza a través de diferentes asociacións que loitan por que Paderne conte cuns servizos “dignos” e “eficientes”.

Antonio Estévez, natural de Cantoña, cuxo pai era de Paderne e a nai de Cantoña, explica que o principal obxectivo que se marca, tras asumir o reto de encabezar a candidatura do PSdeG-PSOE, “é abrir o Concello á veciñanza para darlle voz e que poidan expresar todas as súas suxestións, reclamacións e peticións, sendo partícipes do día a día da vida municipal”. O candidato aposta por unha política de “saír as rúas e abandonar os despachos, para estar a carón da xente, escoitala e visitalos con frecuencia para poder resolver todos os problemas que xorden no día a día”.

Antonio Estévez Blanco encabezará á candidatura do PSdeG-PSOE en Paderne de Allariz co obxectivo de acadar á alcaldía.

O candidato socialista á alcaldía de Paderne de Allariz sinala que a súa intención “é poder dar un cambio ao concello, xestionando de forma distinta e optando por políticas en beneficio da veciñanza”. Neste senso, Antonio Estévez, apunta a que en Paderne de Allariz “temos que traballar por tratar de atraer poboación, porque a xente moza quede en Paderne, por construír unha residencia de maiores que de servizo a poboación envellecida, maioría neste concello, e por buscar investimentos na procura duns mellores servizos e do benestar dos nosos veciños e das nosas veciñas”.

Estévez tamén pon o foco na industria, xa que tal e como apunta “somos un concello limítrofe cos principais polígonos industriais da provincia e temos un polígono propio, no Val da Rabeda, que considero que debemos revitalizar para facelo atractivo e atraer empresas”. Destaca que isto “é moi importante, xa que ao atraer empresas, tamén atraeremos poboación e iso permitiranos a súa vez recadar máis fondos municipais, para posteriormente realizar importantes investimentos no municipio, non só na capital, senón en cada unha das aldeas que forman parte de Paderne”.

Por último, Antonio Estévez quere pór de manifesto que el e o seu equipo “apostamos por feitos e realidades e non por palabras que se leva o vento, xa que creemos que hai que traballar en lugar de prometer”. O candidato do PSdeG-PSOE finaliza apuntando que “Paderne necesita un cambio e que se aposte de xeito decidido pola veciñanza e esa é a principal meta que temos de cara as vindeiras municipais”.