O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO INSTA AO CONCELLO A NON RECEPCIONAR A VÍA QUE UNE A ESTRADA DO SARITO CON VILARIÑO DEBIDO A “GRAVES” DEFICIENCIAS TRAS A OBRA DE REFORMA
Os e as socialistas denuncian que fai dous meses que se rematou co arranxo da estrada, pero tal e como explican “a obra presenta graves deficiencias logo do seu remate, levantándose a capa de rodadura”
A obra foi adxudicada pola Deputación de Ourense por un importe de 48.000 euros, no ano 2021 e cun prazo de execución de 2 meses, pero tardouse 2 anos en rematarse, incumprindo os prazos
Viana do Bolo, 16 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo insta ao goberno municipal a non asumir, nin recepcionar a vía que une a estrada do Sarito coa estrada de Vilariño debido ao mal estado do mesmo. Os e as socialistas pídenlle ao Concello que lle transmita á Deputación de Ourense, encargada da obra de reforma, que lle esixa a empresa adxudicataria que corrixa as “graves” deficiencias no arranxo desta vía de comunicación e que garanta que o firme da estrada “aguantará os uso e as condicións meteorolóxicas”.
Dende a Agrupación Socialista de Viana do Bolo denuncian que fai dous meses que se rematou co arranxo desta estrada, pero tal e como explican “a obra presenta graves deficiencias logo do seu remate, chegando a levantarse a capa de rodadura”. Unha obra que ía a ser cargo do Concello, pero que finalmente foi asumida pola Deputación de Ourense, que a adxudicou por un importe de 48.000 euros, no ano 2021, e cun prazo de execución de dous meses.






Os e as socialistas critican que a obra “sufriu numerosos atrancos e faltas de previsións, o que provocou que fora necesario preto de 2 anos para rematar unha estrada duns 100 metros e trátase dunha vía de comunicación importante xa que é un dos accesos ao casco antigo de Viana”. Dende o PSdeG-PSOE de Viana afirman que “non soamente se incumpriu de xeito flagrante o prazo de remate das obras, senón que agora nos atopamos con graves deficiencias na mesma, polo que solicitamos que se corrixan antes de que o Concello se faga cargo da estada”.
O PSdeG-PSOE de Viana afirma que “se coa obra recen rematada, atopámonos con estes problemas estruturais, preguntámonos cal vai ser o estado da vía logo dun tempo, cando as condicións meteorolóxicas e o uso da mesma repercutan directamente sobre o firme”. Dada a situación os e as socialistas esíxenlle ao goberno municipal “solucións urxentes e que se poñan en contacto coa Deputación para que proceda a esixir a empresa adxudicataria o arranxo das deficiencias”.