Denuncias Parlamento de Galicia

Marina Ortega lamenta que a Xunta non aclare se o futuro CAPD de Ourense terá xestión directa ou non

O GRUPO SOCIALISTA LAMENTA QUE O GOBERNO GALEGO NON RESPONDA ÁS DEMANDAS DAS FAMILIAS CON FILLOS CON DISCAPACIDADE

Marina Ortega resalta que hai unha gran diferencia para as familias entre os dous modelo de xestión e esixe ao executivo que responda ás mesmas se terá xestión directa ou non

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, lamenta que a o goberno galego non responda ás demandas das familias con fillos con discapacidade ao non aclarar se terá xestión directa ou non o futuro centro de atención á persoas con discapacidade, única provincia que carece dun centro de titularidade pública destas características.

A responsable socialista reclamoulle á Xunta sen éxito que atenda ás familias e lle de explicacións ante unha situación de gran dificultade para elas ante a dúbida de se terán protexidos aos seus fillos no futuro. “As familias precisan saber que cando non estean, os seus fillos e fillas con discapacidade van a estar ben coidados pola administración”, alegou Ortega.

Recordou que no último pleno levaron as inquedanzas das familias directamente á responsable de Política Social do goberno galego sobre se a xestión sería pública ou privada, ante a falta de resposta, Ortega recorda que “ser sinceros á cidadanía é moito máis fácil e de balde” que as voltas que está a dar o executivo galego para non aclarar este asunto.

Marina Ortega levou así ao Parlamento as demandas das familias de persoas con discapacidade e dependentes, agrupadas en torno á Plataforma ProCapd Ourense para reivindicar unha necesidade urxente que “semella un espellismo que non acaba de chegar nunca”. Lembra que tódalas forzas políticas asinaron o dito compromiso en 2016, pero que unicamente o PP se descolgou do acordo en 2019, cando se negou a reeditar o acordo.

Hoxe fan, dixo, “sete anos de promesas incumpridas” nos que as familias estiveron reivindicando un centro fundamental para garantir os mesmos dereitos dos seus fillos e fillas, e fundamental para asegurar o éxito do tránsito “complexo e delicado” destas persoas da etapa educativa á vida adulta.

Lembrou que Galicia é unha das comunidades autónomas que menos invisten por persoa potencialmente dependente de toda España, cun goberno que “esconde case 10.000 persoas solicitantes de axuda á dependencia” para “ocultar a verdadeira lista de agarda insoportable para as familias de persoas con dependencia e discapacidade”.

A portavoz socialista concluíu recalcando que «a importancia do tipo de xestión neste centro, nace da preocupación que teñen os pais de saber en que situación quedarán os seus fillos e fillas cando eles non estean” xa que moitos deles teñen grandes dependencias, remarcando que “non se está a falar da xestión das augas ou o servizo de recollida de lixo nun concello”, senón “da xestión dun centro que se adicará aos coidados de persoas cunha discapacidade ou gran dependencia».