Executiva municipal de Ourense Memoria Democrática

Ourense avanza en memoria democrática coa retirada de simboloxía franquista da catedral

A EXECUTIVA MUNICIPAL DO PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA O AVANCE IMPRESCINDIBLE DA LEI DE MEMORIA DEMOCRÁTICA EN OURENSE COA RETIRADA DA SIMBOLOXÍA FRANQUISTA DA NOSA CATEDRAL

«O avogado da memoria» Eduardo Ranz solicitara hai 8 anos xa a retirada expresa da placa de exaltación da ditadura que se atopaba no interior da Catedral e volveu a reiteralo na súa visita á cidade o pasado outubro

Os socialistas levaremos adiante iniciativas para esixir o cumprimento da Lei de Memoria Democrática no Concello de Ourense

Ourense, 23 de xaneiro de 2023. A aprobación e posta en marcha da Lei de Memoria Democrática do Goberno de Pedro Sánchez comeza de maneira simbólica a dar os seus primeiros pasos tamén en Ourense.

A Secretaria Xeral dos socialistas, Natalia González, considera «imprescindible e unha obriga xa para todos e todas que a simboloxía de exaltación de aqueles e aquelas que cometeron crimes contra a humanidade no noso país desapareza canto antes. Non podemos seguir a sufrila cando circulamos polas estradas do noso país, nos rueiros das nosas cidades ou nos centros relixiosos»

Dende a CEM queremos resaltar -unha vez confirmada a retirada do cadro cunha cruz e unha praca gravados e co escudo franquista dentro da nosa Catedral- o enorme traballo e loita do compañeiro Eduardo Ranz, o chamado «avogado da memoria», denunciante dende o ano 2015 desta anomalía legal de que elementos contrarios á memoria democrática estiveran ubicados no edificio de carácter relixioso por excelencia de Ourense: a nosa Catedral.

Foi precisamente na súa última visita á cidade, a principios de outubro de 2022, para a presentación do seu libro «No matarás. Memoria civil» e para unha conferencia sobre a Lei de Memoria Democrática organizada pola dirección local do partido; cando reiterou a solicitude presentada por él mesmo facía xa case 8 anos, da retirada desta simboloxía do interior da Catedral, sen obter resposta formal á mesma aínda a día de hoxe.

En definitiva, consideramos un avance «moi simbólico e satisfactorio» no cumprimento da Lei de Memoria a retirada da simboloxía franquista da Catedral, pero avanzamos que levaremos adiante próximamente iniciativas a nivel municipal para esixir que esa obriga legal se execute sen maiores dilacións por parte do Concello de Ourense en toda a nosa cidade.

Este elemento, retirado do interior da catedral era unha placa gravada sobre unha cruz, con simboloxía franquista, co seguinte texto: «Caminante: Esa lámpara votiva, que a los pies del Señor monta la guardia con la alabarda de oro eternamente enhiesta de su llama simboliza el recuerdo, inextinguible en la tierra orensana, de aquellos inmortales campeones que, heroicos, dieron a la Madre España  la sangre que hacía falta a su bandera de vergüenza y dolor amoratada».