Concello de Ourense PSdeG

Trasladamos unha queixa á Valedora do Pobo polo ‘caso Baltasar’ en Ourense

O PSDEG-PSOE TRASLADA UNHA QUEIXA Á VALEDORA DO POBO PARA SOLICITAR A SÚA “INTERVENCIÓN URXENTE” TRALA ELECCIÓN DUN CONDENADO POR ABUSO SEXUAL COMO REI BALTASAR EN OURENSE

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, destacou que “agardamos que se faga un apercibimento ao alcalde, porque vemos que se nega a rectificar e non queremos que isto volva acontecer”

Solicítanlle á Valedora, como responsable de defender os dereitos da infancia e da adolescencia, que emprenda as medidas necesarias para evitar que un feito “de tanta gravidade” volva producirse

Santiago, 24 de xaneiro de 2023. A voceira do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González, e a secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, veñen de rexistrar unha queixa diante da Valedora do Pobo na que lle solicitan a súa “intervención urxente” para dirimir responsabilidades trala elección por parte do alcalde Gonzalo Pérez Jácome dunha persoa dobremente condenada por abuso sexual para representar ao ‘Rei Baltasar’ na cabalgata de Ourense, un feito que as e os socialistas consideran “de suma gravidade dende o punto de vista ético, moral e legal”.

A responsable de Igualdade do PSdeG-PSOE destacou que “agardamos que se faga un apercibimento ao alcalde, porque vemos que se nega a rectificar e non queremos que isto volva acontecer, aínda que nos gustaría que Jácome non fora a persoa que organice a cabalgata de Nadal do ano que vén”.

Pola súa banda, a voceira socialista e secretaria municipal dos socialistas en Ourense agradeceu o apoio do PSdeG-PSOE e expresou o seu desexo de que a reclamación á Valedora poida “sentar un precedente” para que “non volva vivirse unha afrenta tan grave cara ás vítimas da violencia machista”.

Na documentación rexistrada ante o alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos e liberdades da cidadanía, e nomeadamente dos da infancia e da adolescencia, as e os socialistas advirten que o descoñecemento alegado polo alcalde ourensán dos antecedentes desta persoa “coñecida e recoñecida na cidade”, con dúas condenas firmes por delitos de abusos sexuais contra mulleres nos anos 2019 e 2022, “non era tal”.

Neste sentido, aseguran que o alcalde e o home que representou ao Rei Baltasar “compartiran imaxes e vídeos públicos xuntos nas redes sociais e noutros eventos da cidade, así coma no seu lugar de traballo”, unha popular cafetería da zona histórica da cidade.

En todo caso, indican que “independentemente de se se coñecían ou non, o alcalde ten a obriga legal de solicitar a certificación negativa do Rexistro Central de delincuentes sexuais ás persoas participantes nun evento principalmente dirixido a menores de idade”.

Vertente legal

Citan, neste sentido, o artigo 57 da Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia, que establece como requisito para o acceso a profesións, oficios e actividades que impliquen contacto habitual con persoas menores de idade o “non ser condenado por sentenza firme por calquera delito contra a liberdade e indemnidade sexuais tipificados no título XIII da Lei Orgánica 10/1995, do Código Penal”.

Así mesmo, en relación á xustificación de Jácome, quen se amparou en que tal obriga legal “só é aplicable a actos continuados e habituais, e non ocasionais”, as e os socialistas matizan que a lei tamén recolle no apartado 2 do artigo 57 que o certificado é preceptivo para “todas aquelas (actividades) que teñan como destinatarios principais a persoas menores de idade”.

Dende o grupo socialista consideran que o incumprimento desta normativa por parte do alcalde de Ourense, quen fixo que “centos de nenos e nenas desta cidade se achegaran a un delincuente sexual” é “un feito sen parangón” e denota “o desprezo do alcalde cara á infancia e a cidadanía en xeral”.

“Silencio atronador”

Critican, ademais, que as explicacións do rexedor foron “nulas” durante una semana completa, ata a celebración do pleno municipal do 13 de xaneiro, no que se debateu unha moción de urxencia presentada polo Partido Popular solicitando a dimisión de Pérez Jácome polos feitos ocorridos na cabalgata.

“Parécenos un silencio intolerable e atronador dunha semana dende que a oposición o denunciou ata que non tivo máis remedio que responder en pleno por mor dunha moción; sexa como for, non ten escusa”, condeou Fraga.

Así as cousas, dende o PSdeG-PSOE reiteran a súa total repulsa á elección por parte do alcalde dunha persoa que cometeu delitos tan graves contra varias mulleres para representar o Concello nun acto dirixido a nenas e nenos e confían en que a Valedora do Pobo emprenda as medidas oportunas que permitan dirimir responsabilidades o antes posible, posto que “un feito de tanta gravidade non pode volver repetirse, nin en Ourense nin en ningún lugar”.