concellos Denuncias

Os e as socialistas de Leiro acusan ao rexedor de «manipular» a realidade municipal con «falsedades» e «mentiras»

O PSDEG-PSOE DE LEIRO ACUSA Ó ALCALDE DO PP DE FACERLLE CHEGAR Á VECIÑANZA UN SUPOSTO RELATO DE MÉRITOS E ÉXITOS NA XESTIÓN CHEOS DE “MANIPULACIÓNS” E “FALSEDADES”

Os e as socialistas poñen en dúbida os “méritos” que vende o alcalde e lembran que “dende que o señor Fernández é rexedor, a poboación de Leiro diminuíu en 670 veciños e veciñas, é dicir un 30,6%”

Manuel Rodríguez critica que a actividade económica financiada con recursos públicos “non está beneficiando á veciñanza de Leiro, que non son os que optan a estes postos de traballo”

Leiro, 31 de xaneiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Leiro acusa ao alcalde do Partido Popular, Francisco José Fernández, de facerlle chegar á veciñanza un suposto relato de méritos e éxitos da súa xestión cheos de “manipulacións” e “falsedades”, nos que segundo os e as socialistas “ocúltase a realidade do fracaso e a neglixencia da súa xestión nas case tres décadas que leva gobernando o municipio”.

Dende o Grupo Municipal Socialista de Leiro critican que o rexedor “valéndose dos medios informáticos do concello, vén de achegarlle aos veciños e veciñas un informe cheo de mentiras e manipulacións”. Os e as socialistas poñen en dúbida os “méritos” que vende o alcalde e lembran que “dende que o señor Fernández é rexedor, a poboación de Leiro diminuíu en 670 veciños e veciñas, é dicir un 30,6%”.

O PSOE de Leiro tamén se amosa moi crítico coa xestión dos recursos públicos chegados dende a Xunta de Galicia, xa que tal e como apuntan “baixo o título de motores económicos e sociais dinamizadores e creadores de emprego, realizáronse investimentos por importe de 16,5 millóns de euros de cartos públicos”. Neste senso subliñan que “o PP non dubidou en privatizas a xestión destes motores económicos e desentenderse do control dos mesmos como é o caso do mosteiro de San Clodio, do spa, do balneario de verán, do centro de día, da planta pública de residuos sólidos ou da planta de compostaxe de Lamas”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, critica que esta actividade económica financiada con recursos públicos “non está beneficiando á veciñanza de Leiro, que non son os que optan a estes postos de traballo a causa da actitude neglixente do rexedor”. O edil socialistas amósase especialmente crítico coa xestión do alcalde ao que acusa de “non traballar para fixar poboación no municipio, nin mellorar o benestar da veciñanza” e pon como exemplo a “xestión do centro de día, as prazas na residencia de maiores, os postos de traballo da residencia ou do hotel-spa de San Clodio”.

Rodríguez Vázquez tamén denuncia que o alcalde “minte descaradamente” no relativo ao polígono agrario de viñedo de 100 hectáreas e pregúntase “como se vai a animar aos propietarios dos terreos para que colaboren na xeración de actividade económica e postos de traballo” e “que asumirá o risco da explotación e se a Xunta e o alcalde supeditan a actividade económica dos cidadáns aos intereses da iniciativa privada”.

O PSdeG-PSOE de Leiro tamén se amosa escéptico con respecto a supresión de regos nas zonas verdes, xa que tal e como manifestan “non dubidamos da afluencia de visitantes a Leiro, pero nunca da magnitude que vende o alcalde, pois iso confirma o consumo oficial de auga, segundo datos do concello, que nos últimos 8 anos nunca superou os 300 metros cúbicos ao día”.  Os e as socialistas tamén acusan a Francisco José Fernández de “ocultar á veciñanza a neglixencia por parte da empresa concesionaria de auga, da mala xestión do servizo dende o 2015, da existencia dunha gran fuga e de que a veciñanza pague máis de 150.000 euros anuais e máis de 1,2 millóns en 8 anos por estas neglixencias”.