concellos Eleccións locais 2023

José Luís Rodríguez Dobaño, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Muíños

JOSÉ LUÍS RODRÍGUEZ REPITE COMO CANDIDATO DO PSDEG-PSOE Á ALCALDÍA DE MUÍÑOS PARA TRABALLAR POLO DESENVOLVEMENTO “ECONÓMICO, SOCIAL E CULTURAL” DO CONCELLO

Os e as socialistas márcanse como obxectivo “liberar á veciñanza da situación caciquil na que viven” e apostan por rematar “con este tipo de actuacións caciquís e feudais que se levan practicando estes anos

Rodríguez Dobaño destaca como eixes de traballo imprescindibles “loitar porque se continúe a autovía de Celanova ata a fronteira de Portugal e crear un área empresarial para a Baixa Limia”

Muíños, 12 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Muíños aposta por José Luís Rodríguez Dobaño como candidato á alcaldía de cara as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. Rodríguez Dobaño repite uns comicios máis ao fronte da lista socialista co obxectivo de traballar polo desenvolvemento “económico, social e cultural” do municipio.

Os e as socialistas márcanse como obxectivo “liberar os veciños e veciñas da situación caciquil na que viven” e apostan por rematar “con este tipo de actuacións caciquís e feudais que se levan practicando no concello nos últimos anos”. Dende o PSdeG-PSOE de Muíños destacan que “temos un proxecto de futuro e ilusionante para o noso concello” e fan fincapé en que “somos a alternativa que o concello necesita para traballar a prol dunha mellora da calidade de vida da veciñanza, frear o despoboamento para que Muíños poida medrar”.

José Luís Rodríguez Dobaño destaca como obxectivos imprescindibles “loitar porque se continúe a autovía de Celanova ata a fronteira de Portugal e crear un área empresarial para a Baixa Limia, elementos claves para revitalizar o noso municipio e a nosa comarca”. O candidato socialista tamén pon o foco na necesidade “dunha nova xestión para a Reserva Transfronteiriza do Xurés”, xa que segundo apunta “é necesario recuperar a zona e apostar por ela para que sexa o referente comarcal que precisamos e que atraia turismo e visitantes”.

O candidato do PSdeG-PSOE tamén aproveita para denunciar que en Muíños “non existe a liberdade de expresión” e critica a política de control “absoluto” levada a cabo polo alcalde, xa que segundo relaxa “o control é total, vixiando que a veciñanza vaia votar”. Tamén apunta a que en Muíños “temos un padrón municipal incrementado en 400-500 persoas, o que leva que teñamos un censo ficticio, con persoas empadroadas en casas sen, sen luz e incluso varias unidades familiares nunha mesma vivenda”.

Por último, Rodríguez Dobaño afirma que un dos eixos fundamentais de traballo “é a necesidade de liberar a Muíños do caciquismo, do medo, da falta de liberdade, da desilusión, da desigualdade e da falsidade a que estamos sometidos polas políticas do Partido Popular”.