O CANDIDATO DO PSDEG-PSOE Á ALCALDÍA DE OURENSE, PACO RODRÍGUEZ, FAI UN CHAMAMENTO A PÓR PUNTO E FINAL A 4 ANOS DE “ANOMALÍA DEMOCRÁTICA” DENDE A SERIEDADE E A XENEROSIDADE
Rodríguez participou, xunto coa responsable de campaña, Natalia González, nun almorzo informativo que tivo lugar no novo espazo dos e das socialistas na cidade, a carón da Praza de Concepción Arenal
O candidato socialista subliñou a importancia do diálogo e a cooperación dende a base, así como da necesidade de priorizar os intereses de Ourense: “antes que o meu partido e que eu mesmo, está Ourense”
Ourense, 13 de febreiro de 2022. O candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Ourense, Paco Rodríguez, vén de participar nun almorzo informativo cos medios de comunicación que tivo lugar no novo espazo dos e das socialistas na cidade, un enclave localizado a carón da Praza de Concepción Arenal, que servirá de punto de encontro para seguir ampliando e fortalecendo o programa electoral de cara aos vindeiros comicios municipais do 28 de maio.
Nesta conversa cos medios ourensáns na que o candidato socialista estivo acompañado da súa responsable de campaña, Natalia Benéitez, Rodríguez fixo un chamamento a pór punto e final a 4 anos de “anomalía democrática”, en referencia ao goberno minoritario de Jácome e tres edís, dende a seriedade e a xenerosidade, en contraposición á política de confrontación e desprezo auspiciada polo actual alcalde.

Así mesmo, o socialista subliñou a importancia de fomentar o diálogo e a cooperación dende a base, así como da necesidade de colocar os intereses de Ourense por riba de calquera outra cuestión partidista, co fin de achegar solucións solventes para garantir o futuro da cidade, rescatándoa da parálise e da falta de rumbo, un obxectivo que destacou como absolutamente prioritario.
“Antes que o meu partido e que eu mesmo, está a cidade de Ourense”, manifestou. “Se mañá hai que chegar a acordos para sacar adiante temas pendentes nesta cidade, eu dende logo non vou escatimar tempo e esforzo”, declarou, ao tempo que sinalou que “malia que o PSOE e o PP son adversarios políticos, se poñemos por riba dos intereses partidistas os intereses da cidade todo o mundo o entendería”.
“Esta cidade está perdendo habitantes con maior intensidade cada día e esta situación responde á falta de expectativas de futuro”, lamentou, ao tempo que instou a “corrixir esta tendencia para que a xente moza faga aquí o seu proxecto de vida”. “Eu comprométome a escoitar a todas e todos, é un exercicio de vontade que se consegue con moita paciencia e sendo xenerosos” insistiu. «Todos somos necesarios e entre todos imos armar a base do que ten que ser o futuro de Ourense”, destacou o candidato socialista.




O exalcalde tamén quixo pór en valor o traballo realizado polo bipartito 2007-2015 na cidade, un goberno que contaba “cun proxecto sólido de cidade, cun compromiso social e cunha idea clara de cara a onde camiñabamos”. Neste sentido destacou a importancia de mirar ao futuro co obxectivo de lograr un modelo de cidade xusta, verde e, sobre todo, “feliz”, xa que “darlle felicidade aos cidadáns é o noso maior cometido”.
“Eu podo achegar unha experiencia vivida, un proxecto e unha ilusión compartida, e a partir de aí, cómpre dedicarlle tempo e levar a cabo un labor de consensuar”, destacou Rodríguez. “Sería moi complicado reverter a situación se perdemos outros catro anos máis”, advertiu.