concellos Eleccións locais 2023 Municipais 2023

Álvaro Vila, candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Taboadela

ÁLVARO VILA ENCABEZARÁ A CANDIDATURA DO PSDEG-PSOE EN TABOADELA PARA REVALIDAR A ALCALDÍA E PROSEGUIR COA LABOR DE “HUMANIZACIÓN” E “TRANSFORMACIÓN” DO MUNICIPIO

O actual alcalde asume este reto “coa mesma ilusión coa que nos presentamos fai 4 anos” e co obxectivo de seguir “traballando” e “impulsando” os proxectos levados a cabo durante o actual mandato

Afirma que “foron 4 anos de ilusión e de moito traballo, polo que seguiremos a pé de rúa, traballando día a día a prol da nosa veciñanza e na mellora dun municipio que debe seguir evolucionando”

Taboadela, 14 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Taboadela volve a apostar por Álvaro Vila como candidato á alcaldía de cara ós comicios electorais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. O actual alcalde do municipio asume este reto “coa mesma ilusión coa que nos presentamos fai 4 anos” e co obxectivo de seguir “traballando” e “impulsando” os numerosos proxectos levados a cabo durante o actual mandato.

O candidato socialista sinala que contará co grupo de persoas “que me acompañaron o longo destes 4 anos e que me van a acompañar para seguir co proceso de transformación que estamos a levar a cabo en Taboadela”. Neste senso, o actual alcalde do municipio tamén pon de manifesto que a dito grupo “sumaranse máis persoas, que nos van a axudar a levar a cabo, con máis garantías se cabe, os distintos proxectos que estamos realizando no actual mandato”.

Álvaro Vila sinala que nestes 4 anos “afrontamos partidas inversoras moi importantes como o cambio do alumeado de case todo o concello a luces LED, a instalación de saneamento en varios núcleos de poboación que estaban sen depurar, a creación da casa de oficios, ou a financiación da casa da cultura”. O candidato do PSdeG-PSOE afirma que “unha vez liberados destes investimentos, poderemos afrontar no próximo mandato, se temos a confianza dos veciños, proxectos de humanización como os que xa levamos a cabo en Pazo da Rabeda, Abeledo e Santa Leocadia, continuando noutros núcleos poboacionais coa esta senda xa iniciada”.

O actual alcalde de Taboadela tamén se fixa obxectivos de cara os próximos 4 anos entre os que destacan “o remate das obras da casa da cultura, que contamos que finalicen este ano; continuar coa humanización dos diferentes núcleos de poboación, o completar o cambio a luces LED; dotar o campo de fútbol de céspede artificial para mellorar as condicións e diversificar as actividades; continuar coa política de lista de agarda 0 na axuda a domicilio; rematar a transformación do campo da Lama en Prado, nun espazo para desfrute de todos e todas cun parque interxeneracional; a mellora da eficiencia enerxética en todos os edificios públicos; e consolidar todos os eventos postos en marcha como son a proba de BTT, a Subida a Taboadela, as diferentes andainas, o campionato galego de tiro con arco, a escola de teatro ou os obradoiros da cada de oficio”.

Vila finaliza afirmando que “foron catro anos de ilusión e de moito traballo, polo que namentres manteñamos esa ilusión, seguiremos a pé de rúa, traballando día a día a prol da nosa veciñanza e na mellora dun municipio que debe seguir co seu proceso de transformación e humanización”.