INFRAESTRUCTURAS INICIATIVAS

Urximos a rectificación do proxecto chapuza da Xunta para a beirarrúa da Ponte Romana

O PSDEG-PSOE DE OURENSE URXE A RECTIFICACIÓN DO PROXECTO CHAPUZA DA XUNTA PARA A BEIRARRÚA ABANDONADA A CARÓN DA PONTE ROMANA TRAS 5 ANOS DE INACCIÓN AUTONÓMICA E LOCAL

Consideran que a estreita pasarela metálica prevista pola Consellaría de Ethel Vázquez para unha zona anexa ao principal monumento histórico ourensán é “o colofón do desprezo da Xunta coa terceira cidade galega”

“Tanto o grupo municipal socialista coma o grupo socialista no Parlamento de Galicia presentaremos unha batería de iniciativas para solicitar información sobre o proxecto e presentar alegacións”

Ourense, 16 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense urxe a rectificación inmediata do novo “proxecto-chapuza” da conselleira Ethel Vázquez en Ourense. As e os socialistas denuncian que o executivo autonómico ten previsto construír unha estreita pasarela metálica para solucionar os problemas de seguridade que padece dende hai un lustro a beirarrúa anexa á Ponte Romana, unha actuación que cualifican de “colofón a cinco anos de desprezo rampante da Xunta coa terceira cidade de Galicia”.

A deputada Carmen R. Dacosta e a voceira municipal socialista, Natalia Benéitez, cos edís Wilson Jones e Borja Trigás fronte á beirarrúa afectada, a carón da Ponte Romana de Ourense.

“Hoxe vimos de novo aquí, logo do anuncio da conselleira Ethel Vázquez de que esta beirarrúa se vai arranxar dentro do proxecto de senda peonil e ciclista anunciado de costa a costa neste concello por parte da Xunta de Galicia, para denunciar que non estamos dispostos a permitir outra chapuza a carón da Ponte Romana”, abundou a voceira do grupo socialista no Concello, Natalia González. “Por ese motivo, tanto o grupo municipal socialista coma o grupo socialista no Parlamento de Galicia presentaremos unha batería de iniciativas para solicitar información sobre o proxecto e presentar alegacións”, anunciou, ao tempo que salientou que “non permitiremos un agravio máis da Xunta nesta cidade”.

“Logo de anos de liortas e inacción, con enfrontamentos pola titularidade desta beirarrúa entre a Xunta e o Concello, atopámonos cunha previsión de reforma que non está á altura do que cabe esperar dunha intervención que afecta a unha infraestrutura anexa ao principal monumento histórico ourensán, a Ponte Romana”, censuran dende as filas socialistas ante o que cualifican de “falta de respecto cara á veciñanza e os comerciantes de Ourense e do barrio da Ponte”.

“Atentado estético”

Pola súa banda, a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, cualificou a pasarela metálica de dous metros de ancho promovida pola conselleira Ethel Vázquez para a beirarrúa abandonada de “atentado estético sobre un Ben de Interese Cultural (BIC) dos máis visitados en Ourense, xunto coa Catedral de San Martiño e As Burgas” e instou á Consellaría de Infraestruturas a dotar esta zona dunha solución que garanta a seguridade, a accesibilidade, a mobilidade e a propia estética que merece esta zona anexa á Ponte Romana.

Rodríguez Dacosta subliñou ademais que os planos deste tramo de beirarrúa onde se pretende acometer a instalación da pasarela metálica amosan un proxecto “incompleto”, posto que só se presenta un esquema en sección e planta que “non contempla como se vai rematar o muro, os acabados ou o acceso á parte inferior” e tampouco existe “plan de evacuación”, de xeito que “non se garante o acceso do camión de bombeiros ou da ambulancia, por exemplo”.

Neste sentido, a socialista censurou que se elimine a beirarrúa para facer unha reducida pasarela metálica que supón “limitar o acceso en condicións de seguridade aos edificios e aos comercios colindantes”, como pode ser a farmacia localizada nun dos baixos, un negocio “que data dos anos 40”.

“É un proxecto que cómpre mudar, hai alternativas”, aseverou a socialista. “Poderíase facer unha plataforma única que proporcionase a esta zona un aspecto de praza, coa necesaria accesibilidade e un acabado digno desta especial contorna que debemos coidar e potenciar”.