O PSDEG-PSOE LIDERA A OPOSICIÓN NO CONCELLO DE OURENSE CON 115 INICIATIVAS REXISTRADAS E UN CUMPRIMENTO DE CASE O 80 % DO SEU PROGRAMA POLÍTICO 2019-2023
O grupo socialista fai balance de case 4 anos como a principal forza da oposición destacando o elevado grao de cumprimento das propostas que integraban o programa co que gañaron as eleccións de 2019
Entre as propostas estrela atópanse a restitución da Concellaría de Igualdade, a execución do gran bulevar termal, o impulso ao PMUS, o rescate da actividade cultural ou a blindaxe da xestión pública do CAPD
Ourense, 23 de febreiro de 2023. O PSdeG-PSOE lidera a oposición no Concello de Ourense, sendo o grupo que maior número de iniciativas impulsou no que vai de mandato. Con 115 propostas e un cumprimento de case o 80 % da súa proposta política e programática, os socialistas colócanse á cabeza como os máis proactivos de todos os partidos políticos que integran a corporación ourensá.
O grupo socialista fai así balance de case 4 anos como a principal forza da oposición, destacando o elevado grao de cumprimento das propostas que integraban o programa co que gañaron as eleccións de 2019 e apostando por incorporar moitas destas iniciativas ao ideario 2023-2027, que se atopa en fase de confección a través dun proceso aberto e participativo.
Entre as propostas estrela cómpre destacar a petición de restitución da Concellaría de Igualdade, desmantelada por parte de Jácome ao inicio do mandato; a execución do gran bulevar termal, un proxecto clave e estratéxico para a cidade que abre a porta ao desenvolvemento termal e turístico da cidade; a reactivación e impulso do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), un plan consensuado que leva anos pechado nun caixón polo capricho do alcalde; a posta en marcha dun plan de rescate cultural ou a blindaxe da xestión pública do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD), tras anos de inacción e desprezo por parte da Xunta de Galicia.
Destacan así mesmo outras iniciativas, tales como a actualización do Plan Estratéxico Termal, a apertura da Praza de Abastos número 2 da Ponte, a reactivación da aula da saúde das Lagoas, a creación dun Consello Municipal da Multiculturalidade, a activación dun gran proxecto de arte urbana para recuperar espazos degradados, o desbloqueo do proxecto do cámping de Untes, o impulso dunha nova liña ferroviaria entre Ourense e Pontevedra ou a execución urxente do proxecto do Ecobarrio, entre outras.
O maior número de iniciativas recóllese na área de infraestruturas, con 13 propostas que representan un 11 % do total, seguida de cultura (10 %), urbanismo (8 %), igualdade (8%), sanidade (8 %), benestar social (7 %), educación (7 %), mobilidade (6 %), medio ambiente (6 %), emprego (6 %), termalismo e turismo (5 %), mocidade (4 %), comercio (4 %) e vivenda (4 %). Ademais, tamén se rexistran iniciativas noutras áreas coma a modernización administrativa, a seguridade cidadá, a memoria histórica, o deporte, a participación cidadá, a limpeza e os recursos humanos.






Anomalía democrática
Por outra banda, lamentan o “nulo grao de cumprimento por parte do goberno local” das mocións socialistas aprobadas en pleno debido á situación de “anomalía democrática” existente no Concello de Ourense dende hai case catro anos, cun goberno minoritario de só catro edís que carece da capacidade necesaria de diálogo e consenso para recadar apoios.
“Desta situación de anomalía democrática permanente derívase que o executivo local encabezado por Jácome fose incapaz de levar á práctica arredor do 90 % das iniciativas socialistas aprobadas en pleno pola súa propia discrepancia coas propostas, malia contaren co voto favorable da maioría da corporación; e ao mesmo tempo o microgoberno é incapaz de tecer alianzas para canalizar as súas escasas e, na meirande parte dos casos, delirantes propostas”, abundan.
Ás iniciativas plenarias cómpre sumar o traballo desempeñado polo grupo socialista no seu labor de fiscalización do goberno encabezado por Gonzalo Pérez Jácome, con máis de 200 peticións de información formalizadas a través do rexistro municipal, ás que cómpre sumar o seguimento de proxectos e asuntos da vida municipal nas xuntas de área correspondentes.
Neste sentido, lembran que aproximadamente o 50 % das peticións de información rexistradas continúan pendentes de resposta por parte do Concello, polo que o grupo socialista vén de solicitar a intervención, mediación e amparo da Valedora do Pobo por terceira vez en menos de catro anos co fin de desbloquear a ocultación reiterada e reincidente de gastos e información por parte do alcalde.