concellos Eleccións locais 2023 Municipais 2023

Ángela González encabezará a lista do PSdeG-PSOE á alcaldía de Cenlle

O PSDEG-PSOE PRESENTA A ÁNGELA GONZÁLEZ COMO CANDIDATA SOCIALISTA A ALCALDÍA DE CENLLE CO OBXECTIVO DE MUDAR O GOBERNO MUNICIPAL E TRABALLAR A CARÓN DA VECIÑANZA

González sinalou que “formo parte dun conxunto de persoas que estamos moi ilusionadas, e iso xustamente foi o que me levou a presentarme á alcaldía, co propósito de colaborar na mellora do municipio e das vidas de todos aqueles e aquelas que viven nel”

Os e as socialistas destacan que na provincia “hai futuro da man do PSOE, o único partido que ten un proxecto para a comarca e a provincia e que pode mudar o goberno provincial”

Cenlle, 3 de marzo de 2023.  O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar a súa candidatura en Cenlle para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2023, nun acto celebrado no municipio e no que se deu a coñecer a Ángela González, a encargada de encabezar a lista socialista nos próximos comicios electorais. A candidata estivo arroupada polo actual voceiro e secretario xeral dos socialistas de Cenlle, José Rodríguez Veloso; polo deputado provincial, Nacho Gómez Pérez; pola deputada autonómica, Marina Ortega; polo secretario provincial, Rafa Villarino; e por ducias de militantes e veciños e veciñas que se achegaron a este acto.

A nova candidata socialista, Ángela González, nada e residente en Sadurnin, sinalou que “formo parte dun conxunto de persoas que estamos moi ilusionadas, e iso xustamente foi o que me levou a presentarme á alcaldía”. Neste senso, tamén puxo de manifesto que tomou a decisión “co propósito de colaborar na mellora do municipio e das vidas de todos aqueles que viven nel”. A nova cabeza de lista do PSdeG-PSOE en Cenlle destacou que “nestes momentos de incerteza social e económica non debemos deixarnos ir e que as circunstancias nos leven a onde non queremos”.

González tamén afirmou que entre “todos” podemos construír un proxecto para Cenlle e a súa veciñanza, apuntando que “cada quen de nós podemos engadir un grao de area, que xunto con outros consigan a forza suficiente para mellorar as nosas vidas”. Durante a súa intervención destacou tamén a importancia de “axudar á veciñanza” e por último quixo mandar unha mensaxe aos veciños e veciñas de Cenlle sinalando que “estarei a vosa disposición para calquera suxerencia ou queixa que teñades e farei o que estea na miña man para intentar solucionalo”.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE en Cenlle e actual voceiro socialista na oposición, José Rodríguez Veloso, aproveitou a súa intervención para agradecer a “confianza que os veciños e veciñas de Cenlle depositaron en min durante os doce anos que fun concelleiro e voceiro do PSOE no municipio”. Neste senso, tamén apuntou que “sempre intentei facer o mellor para o concello e loitar para que a veciñanza tivese uns servizos dignos”. Veloso aproveitou a súa intervención para subliñar que “Cenlle precisa un cambio e a única forza que pode dar ese cambio e o PSdeG-PSOE” e apuntou que “temos unha nova candidata excelente, nova e con ganas de traballar, así que hoxe empeza o tic-tac para o cambio no noso municipio”.

Pola súa banda, o deputado provincial e coordinador comarcal no Ribeiro, Nacho Gómez Pérez, puxo o foco na “ilusión que supón a renovación da lista, cunha nova candidata como Ángela González, que ven a aportar ideas frescas ao partido”. Tamén aproveitou para lembrar a “xenerosidade” do actual voceiro José Rodríguez Veloso, que “despois de moitos anos dando a cara nun municipio moi complexo é quen de dar un relevo, e aínda por riba, colaborar activamente para que ese relevo teña a mellor das candidaturas”. Gómez quixo facer mención a un histórico socialista do municipio falecido hai uns meses, Paco Giráldez, do que afirmou que “foi o maior impulsor que tivo Cenlle, xunto con algún outro compañeiro” e fixo fincapé en que “era unha persoa excepcional, un socialista exemplar e que sempre que o necesitabas, estaba aí, independentemente do lugar que tivera que ocupar”.

A deputada autonómica do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, aproveitou a súa intervención para reclamar unha sanidade “pública de calidade e proximidade para a veciñanza” e acusou ao goberno galego do Partido Popular de “vender a lei de demografía a bombo e platillo e con moito marketing, pero que non serve para nada se realmente non se blindan servizos básicos no rural como a sanidade, a educación e os servizos sociais”. Neste senso, apuntou a que “seguiremos cos mesmos problemas demográficos e cos peores datos vexetativos do conxunto de Galicia e do Estado, namentres non se aposte de xeito decidido por políticas positivas e que non discriminen o rural”.

Por último, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafa Villarino, quen agradeceu a Veloso o seu “traballo e esforzo ao longo dos últimos anos e a xenerosidade de dar un paso ao lado para deixar que encabeza a lista Ángela, unha persoa nova e con ideas frescas para intentar mudar o goberno municipal en Cenlle”. O líder dos socialistas ourensáns tamén destacou que na comarca do Ribeiro “hai futuro da man do PSOE, o único partido que ten un proxecto para a comarca e a provincia e que pode mudar o goberno provincial para rematar co baltarismo rancio, clientelar e caciquil que afoga a nosa terra e que nos levou a ocupar os peores postos en todos os ránkings nacionais”.