RAQUEL MÉNDEZ ELIXIDA COMO CANDIDATA DO PSDEG Á ALCALDÍA DE RUBIÁ CO OBXECTIVO DE GAÑAR AS ELECCIÓNS E DARLLE UN CAMBIO “URXENTE” A UN MUNICIPIO “DESLEIXADO” POLO PP
A candidata socialista sinala que se presenta as eleccións “con toda a ilusión para cambiar un concello totalmente abandonado polas políticas do PP e do alcalde, que leva 20 anos ao fronte do mesmo”
“Vamos a darlle a Rubiá o cambio que tanto precisa e axudar a nosa veciñanza”, sinala, a vez que afirma que “traballaremos todos xuntos, veciñanza e goberno municipal por conseguir ese cambio”
Rubiá, 9 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE volve a elixir, por segunda vez, a Raquel Méndez Ramos como candidata á alcaldía de Rubía nas vindeiras eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. A candidata socialista sinala que se presenta as eleccións “con toda a ilusión para cambiar un concello totalmente abandonado polas políticas do Partido Popular e do seu alcalde, que leva 20 anos ao fronte do mesmo”.
A candidata socialista márcase como principal obxectivo gañar as eleccións para darlle un cambio “urxente” a un municipio totalmente “desleixado” por mor da “deixadez” do actual alcalde. Tras conseguir aumentar a representación nos comicios electorais de 2019, nos que se alcanzaron os 4 concelleiros, o obxectivo agora “é volver a sumar para chegar o 5 concelleiro e poder darlle a Rubiá o goberno municipal que tanto precisa”.

Méndez Ramos pon o foco na necesidade de rematar con “vinte anos de retroceso no noso municipio” e explica que en Rubiá “temos obras inacabadas, porque empezan mal e acaban mal, temos uns servizos sociais nos que precisamos persoal e temos un municipio no que ningunha administración mira pola veciñanza”. Ante esta situación, a candidata socialista destaca que dende o PSdeG-PSOE “vamos a darlle a Rubiá o cambio que tanto precisa e axudar a nosa veciñanza”.
“Temos un concello esquecido, tan esquecido como a xestión despois dos incendios que afectaron aos núcleos de A Veiga de Cascallá e O Castelo e nos que despois de 7 meses dende que o lume arrasase con todo, non hai iniciativas nin dende a Xunta, nin dende a Deputación de Ourense, nin dende o propio concello”, afirma a actual voceira do PSdeG-PSOE. Neste senso tamén apunta que “os veciños e veciñas están totalmente esquecidos, coas mans atadas fronte as administracións, que só poñen pegas e co único apoio do PSOE, que os estamos axudando en todo o que podemos”.
Raquel Méndez Ramos aproveita tamén para subliñar que “queremos axudar a toda a xente que o está pasando mal por mor dos lumes ou da falta de servizos, como fixemos durante estes últimos 4 anos dende a oposición”. Ante esta tesitura, a candidata socialista agarda que a veciñanza “nos dea un voto de confianza para traballar entre todos, veciños, veciñas e goberno municipal por mudar o sino de Rubiá e por mellorar a calidade de vida no noso municipio”.