concellos Denuncias

Os e as socialistas de Maceda denuncian o «cambiazo» do PP no proxecto de reforma da rúa Aurelaneo Ferreiro

O PSDEG-PSOE DE MACEDA DENUNCIA QUE AS OBRAS DA RÚA AURELANEO FERREIRO SON UN TOTAL “ENGANO” Á VECIÑANZA  E SINALAN QUE O PROXECTO INICIAL SUFRIU O “CAMBIAZO” DO PP

A candidata socialista, Uxía Oviedo, esixe que se informe á veciñanza e os grupos da oposición deste tipo de cambios e critica que a eliminación da lastra “cambiará completamente o núcleo urbano da nosa vila e, polo tanto, parte da identidade do noso concello”

O voceiro do PSdeG, Xabier Oviedo, apunta que “noutras vilas con casos similares téntase manter o empedrado ou incluso se chega a recuperar para non perder a identidade medieval, namentres que en Maceda, o PP quere borralo por completo da nosa vila”

Maceda, 15 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE de Maceda denuncia que as obras que está a levar a cabo o actual goberno municipal do Partido Popular na rúa Aurelaneo Ferreiro son un total “engano” á veciñanza do municipio. Os e as socialistas critican a “ausencia total de transparencia” nesta obra, xa que tal e como afirman “nin os veciños, ni as veciñas de Maceda, nin os grupos da oposición tivemos constancia do cambio do proxecto” e afirman que o proxecto sufriu un “cambiazo total”.

Este cambio de proxecto levado a cabo de forma “unilateral” polo PP e o seu alcalde, Rubén Quintas Rodríguez, foi comunicado a través dunha noticia recollida na prensa o 7 de marzo, coas obras xa comezadas. Os medios de comunicación recollían o cambio do proxecto, no que finalmente desaparecía  a lastra da rúa para deixarlle paso ó asfalto. “Ante esta situación gustaríanos saber se a instalación dos tubos de canalización da auga seguen os planos orixinais, ou se tamén mudaron xunto co resto do proxecto”, sinala a candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Maceda, Uxía Oviedo de Dios.

Oviedo de Dios cree que nun goberno democrático, o equipo de goberno “debe informar tanto á oposición como aos veciños e veciñas de Maceda dos cambios que se van a realizar a nivel municipal” e apunta que “aínda máis, cando estamos falando dun proxecto desta envergadura, que cambiará completamente o núcleo urbano da nosa vila e, polo tanto, parte da identidade do concello”.

Dende o PSOE de Maceda lembran que fai algo máis dun ano presentábase o proxecto de reforma da rúa Aurelaneo Ferreiro como “a maior obra xamais feita en Maceda”, pero tal e como afirman os e as socialistas “finalmente non son o plan e o proxecto que se están seguindo”. Un proxecto que xa no seu momento foi moi “polémico” debido á retirada do empedrado, distintivo da vila de Maceda e desta rúa principal. “A pesar das protestas da veciñanza e dunha recollida de firmas, o equipo de goberno decidiu continuar con dito proxecto”.

O voceiro do grupo municipal socialista en Maceda, Xabier Oviedo, explica que en núcleos de poboación nos que existen monumentos históricos, como é o caso do castelo de Maceda, “é moi importante ser coidadosos co pavimentado”. Neste senso tamén apunta que “noutras vilas con casos similares téntase manter o empedrado ou incluso se chega a recuperar para non perder a identidade medieval das mesmas, namentres que no caso de Maceda, o PP quere borralo por completo da nosa vila”.

Dende o PSdeG-PSOE de Maceda tamén critican o inicio das obras, “a catro meses das eleccións municipais, nun claro exemplo de manobra totalmente electoralista”. Neste senso, Xabier Oviedo destaca que “é vergoñento que, tras catro anos sen ningún tipo de inversión no concello, se aproveiten os últimos meses de mandato para enganar a poboación, con obras que deixarán de herdanza unha vila afastada da súa identidade”.

As e os socialistas de Maceda lembran que “esta non é a primeira vez que vivimos esta situación, pois xa no primeiro mandato do Partido Popular perdíamos o empedrado na rúa João de Novoa”.