Concello de Ourense INICIATIVAS

A Valedora ratifica que era preciso o certificado negativo de delitos sexuais para a Cabalgata de Reis de Ourense

A VALEDORA DO POBO DÁLLE A RAZÓN AO PSDEG-PSOE DE OURENSE E RATIFICA QUE ERA PRECISO ESIXIR A CERTIFICACIÓN NEGATIVA DE DELITOS SEXUAIS PARA PARTICIPAR NA CABALGATA DE REIS

Desacredita a xustificación do alcalde Jácome sobre a participación dunha persoa dobremente condenada por abuso sexual ao sinalar que a cabalgata é unha actividade “previsible” e “dirixida a menores”

A resolución senta un precedente para toda Galicia, posto que esixe que “non só en Ourense senón en todo o país, se requira esta certificación para calquera participante nunha cabalgata de Reis”

Ourense, 16 de marzo de 2023. A Valedora do Pobo vén de darlle a razón ao PSdeG-PSOE ao suxerir que a participación dunha persoa dobremente condenada por abuso sexual como Rei Baltasar na cabalgata do 5 de xaneiro en Ourense vulnerou a Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xaneiro, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia.

“Como sabedes hai dous meses estabamos aquí xunto coa secretaria de igualdade do PSdeG-PSOE, Silvia Fraga, anunciando que iamos elevar unha queixa á Valedora porque un dos reis magos que participou na cabalgata era unha persoa dobremente condenada por abusos sexuais”, lembrou a voceira socialista, Natalia González. “Dirixímonos á Valedora, admitiuse a trámite a denuncia do grupo municipal socialista da man do PSdeG-PSOE, e esta semana recibimos xa a resolución á nosa queixa”, abundou González.

Na súa extensa resolución á denuncia presentada polos socialistas o pasado 17 de xaneiro, o alto comisionado do Parlamento de Galicia ratifica que é preciso dispoñer de certificación negativa de delitos sexuais para participar na cabalgata de Reis, por tratarse dunha actividade “fundamentalmente dirixida a menores e que incluso supón contacto físico”.

A voceira dos socialistas na cidade puxo en valor este ditame por sentar “un  precedente para toda Galicia”, posto que esixe que “non só en Ourense senón en todo o país, se requira esta certificación para calquera participante nunha cabalgata de Reis, entendendo que esta actividade está dirixida a menores”.

Este pronunciamento, en liña co argumentado polo PSdeG-PSOE, contradi o informe xurídico do Concello, elaborado a instancia do grupo socialista, e desacredita a “discutible” xustificación do alcalde Jácome, quen se amparou en que tal obriga legal só era aplicable a actos “continuados e habituais, e non ocasionais”.

A este respecto, a Valedora establece que a cabalgata de Reis é unha actividade “cíclica, que se repite todos os anos, e por tanto previsible”, polo que establece a idoneidade de que se tomen “todas as medidas necesarias para a adecuada protección dos menores”, entre elas a solicitude do certificado negativo do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais, do cal carecía o rei Baltasar acosador defendido por Jácome.

“No seu momento denunciamos que aquilo era un escándalo e esixímoslle ao alcalde explicacións no pleno” subliñou a socialista. “Hoxe queda de manifesto que o que denunciaba o grupo socialista era o correcto. Cremos que é un avance tanto na igualdade coma na loita contra a violencia machista e tamén a boa xestión dunha administración pública”, asegurou.  

Pola súa banda, a responsable de Políticas Sociais do PSdeG-PSOE, Marga Martín, trasladou o apoio do partido ao traballo realizado polos socialistas da cidade nun tema “tan grave como foron os feitos ocorridos o 5 de xaneiro, cando o goberno local situou como rei Baltasar a unha persoa dobremente condenada por delitos sexuais”, unha cuestión que “non extraña” aos socialistas posto que vai en liña coas condutas “misóxinas e machistas ás que o alcalde nos ten acostumados”, criticou Martín.

Unha resolución célere e detallada

No seu pronto, extenso e detallado escrito, ademais de confirmar a obrigatoriedade do certificado para aquelas actividades “que impliquen contacto habitual con persoas menores de idade”, a Valedora engade que a lei establece que o certificado é preceptivo para calquera evento que teña como destinatarios principais a persoas menores de idade.

Concretamente, faise referencia ao parágrafo 2 do artigo 57 onde se indica que “a efectos desta lei, son profesións, oficios e actividades que implican contacto habitual con persoas menores de idade todas aquelas, retribuídas ou non, que pola súa propia natureza e esencia implican o trato repetido, directo e regular e non meramente ocasional con nenos, nenas e adolescentes, así como, en todo caso, todas aquelas que teñan como destinatarios principais a persoas menores de idade”.

Un mes de prazo

O Concello contará cun mes de prazo para responder á resolución da Valedora, dando acollida ás recomendacións feitas polo alto comisionado do Parlamento de Galicia a instancia do PSdeG, que logo será publicada na web da institución.