O PSDEG-PSOE DENUNCIA A INTENCIÓN DE BALTAR DE MUTILAR O PATRIMONIO OURENSÁ COA SUPRESIÓN DA FACHADA DA DEPUTACIÓN DO LEGADO HISTÓRICO DE VÁZQUEZ GULÍAS
Os e as socialistas de Ourense cuestionan a legalidade da decisión adoptada por Baltar, debido á protección urbanística da fachada do Pazo Provincial, e reclaman a documentación de Patrimonio
Desde o PSdeG-PSOE manifestan “serias dúbidas” sobre a existencia de autorización algunha para materializar esta “mutación histórica” do patrimonio arquitectónico e cultural da terceira cidade de Galicia
Ourense, 16 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE súmase á reivindicación manifestada pola ‘Asociación Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías’, co fin de que o goberno provincial do Partido Popular presidido por Manuel Baltar, non “mutile irremediablemente o patrimonio histórico e cultural ourensá”, ao suprimir da fachada do Pazo Provincial, sede principal da Deputación de Ourense, a totalidade da intervención deseñada e executada polo arquitecto máis relevante da historia ourensá.
Así aparece detallado no anteproxecto do hotel balneario Auria, impulsado polo goberno do Partido Popular neste edificio, onde desaparece por completo a intervención de Gulías materializada hai un cento de anos. Por iso, os e as socialistas veñen de solicitar por escrito toda a documentación pertinente na que a Dirección Xeral de Patrimonio e o Concello de Ourense autorizan esta actuación que, na opinión do PSOE, destruirá elementos integrantes do Pazo Provincial, “atentando contra o patrimonio cultural de todos e todas”.
O Grupo Provincial Socialista comparte a “sorpresa”, o “desagrado” e a “incomprensión” manifestado polo Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías, ante unha decisión que consideramos unha “afronta” á historia de Ourense e ao legado de este ilustre arquitecto. Desde o PSdeG-PSOE manifestan “serias dúbidas” sobre a existencia de autorización algunha para esta “mutación histórica” e da legalidade da decisión, debido á protección que figura na ficha urbanística que protexe esta senlleira edificación.
Esa ficha urbanística non contempla a modificación da fachada e detalla así mesmo que calquera proposta alternativa, deberá ser tramitada ante a Comisión Municipal Técnica de Protección de Bens Culturais.

Daniel Vázquez Gulías
O Pazo Provincial é un dos edificios máis significativos e voluminosos da rúa do Progreso da terceira cidade de Galicia. A construción do inmoble comezou en 1850 baixo o impulso da familia Pérez Bobo co fin de edificar unha fábrica téxtil. Pero en 1895 a deputación comprou o edificio para destinalo a usos administrativos. Tres lustros máis tarde, concretamente en 1912, Vázquez Gulías reforma a fachada principal engadíndolle o corpo central con columnas, balcón e o escudo da provincia, unha actuación que sobreviviu practicamente intacta durante un século ata a actualidade.
Pola súa banda, a ‘Asociación Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías’ ten como obxectivo principal a promoción e difusión da obra e da persoa deste arquitecto en todo o estado español e no estranxeiro, tanto arquitectónica como documental, industrial e material.