Denuncias Parlamento de Galicia

Carmen Rodríguez Dacosta advirte que a Xunta vai tarde para presentar o Pladiga

O GRUPO SOCIALISTA ADVIRTE QUE A XUNTA “VAI TARDE” PARA PRESENTAR O PLADIGA

Carmen Rodríguez Dacosta reclámalle ao goberno galego que incorpore as aportacións do Consello Forestal ao texto final

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2023. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, deu a voz de alarma polo retraso da Xunta para tramitar o Plan de Prevención e Extinción de Incendios -Pladiga- deste ano. A responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión do Parlamento na que lembrou que o texto tiña que ter sido aprobado en outubro, de acordo co Decreto de medidas urxentes en materia de incendios forestais.

A responsable socialista sinalou que unha vez iniciada a primavera xa van tarde as medidas preventivas que ditamina o Pladiga fronte a uns incendios forestais que cada ano se reproducen máis cedo. Así quedou demostrado o ano pasado cos importantes incendios rexistados en Galicia, que evidencian a urxencia de “poñer tódolos medios enriba da mesa para a lo menos ter un plan preventivo e un cronograma de actuacións publicado”.

Reclamoulle ademais ao goberno galego que incorpore as aportacións do Consello Forestal de Galicia, integrado polas universidades, sindicatos e organizacións forestais, ao que ademais están obrigados a escoitar antes de elaborar o Pladiga. Reclamoulles que “non se queden só en escoitar para non incorporar ningunha proposta ao documento final”, senón que recollan as aportacións dos axentes especializados na xestión forestal e na prevención de incendios.

Lamento que o goberno galego trate a este órgano como un “mero trámite”, xa que de acordo co anuncio feito hoxe, a xuntanza do Consello Forestal celebrarase na primeira quincena de abril, para levar o documento inmediatamente despois ao Consello da Xunta na segunda quincena.

Reclamoulle ao goberno galego “axilidade” na publicación do Pladiga e que fagan un “esforzo de diálogo” para estudar as aportacións do órgano, incorporando as propostas válidas e xustificando o rexeitamento no seu caso.