O PSDEG-PSOE DENUNCIA A NEGATIVA DO PP DE BALTAR E DA TRÁNSFUGA MONTSE LAMA A RECLAMAR MELLORAS PARA SANIDADE PÚBLICA DE OURENSE
Villarino denunciou que a falta de investimento e a precariedade na contratación está a “aumentar a desigualdade” na atención sanitaria e amosou o seu asombro pola falta de compromiso do PP ourensán
Ourense, 31 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE denuncia a “vergoñenta negativa” do Partido Popular de Manuel Baltar e da deputada tránsfuga, Montse Lama, a reclamar melloras inmediatas e de calado para a sanidade pública da provincia de Ourense e, nomeadamente, para os servizos de atención primaria, esquilmados e con serios problemas tras 14 anos de goberno conservador instalado na Xunta de Galicia.
Os e as socialistas esixiron esixiron no pleno provincial á Deputación e á Xunta, compromisos claros e fondos dabondo para “frear de inmediato o derrubamento controlado” do sistema público de saúde. O voceiro, Rafa Villarino, denunciou que a falta de investimento e a precariedade na contratación, está a “aumentar a desigualdade” na atención sanitaria e amosou o seu asombro pola absoluta falta de compromiso do PP ourensán con este servizo básico moi demandado pola veciñanza, xa que os e as conservadores presentaron unha emenda de substitución repleta de falsidades.

Villarino durante o pleno
“A Xunta está a levar a cabo unha política de desmantelamento da sanidade”, que pon en perigo o acceso universal, xa que “na tarxeta sanitaria non figura o noso patrimonio”, un logro do Estado do Benestar ao “permitir a construción dunha clase media robusta que non ter que facer fronte a uns gastos médicos inasumibles”, recordou o voceiro.
A iniciativa rexeitada pedía á Xunta a elaboración e aprobación dun plan sanitario específico para a provincia para reverter a preocupante situación da sanidade, suprimindo decisións economicistas que están a precarizar a atención primaria e a colapsar as urxencias hospitalarias pola falta de medios; a pechar unidades de hospitalización ou a desmantelar servizos especializados que acaban sendo tratados noutras provincias.
Igualmente reclamaba unha xerencia de atención primaria na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense, Verín, e O Barco de Valdeorras, con recursos e autonomía para acadar unha administración máis eficiente e adaptada ás peculiaridades dos ambulatorios da provincia.

Tamén esixía a mellora global de recursos, coa incorporación progresiva de profesionais comezando polas especialidades con menor taxa de cobertura e maiores listas de agarda. Así mesmo, PP e tránsfuga negáronse a rematar coa avultada eventualidade dos profesionais contratados abusivamente de maneira descontinua; a garantir por lei un máximo de 48 horas para ser atendido en atención primaria e a convocar todas as prazas vacantes neste nivel.
Desde o PSdeG-PSOE resaltaron que o 25 % dos médicos e médicas ourensáns que están colexiados poderán xubilarse durante o próximos cinco anos, o que pon de manifesto un grave problema, xa que sen persoal suficiente, non haberá servizo. “Na atención primaria ourensá ata 135 poderán xubilarse nun lustro”, advertiron preocupados ante a inacción do PP de Baltar.