A SECRETARÍA PROVINCIAL DE MIGRACIÓNS DO PSDEG-PSOE DE OURENSE AXUDA A 15 MULLERES A OBTER O RECOÑECEMENTO DE COIDADORA NON PROFESIONAL ANTE A SEGURIDADE SOCIAL ALEMÁ
O seguro obrigatorio de asistencia sanitaria xermano “permite que, chegada a situación de dependencia, a persoa asegurada pode solicitar unha axuda económica e, segundo o caso, que un familiar poida ser recoñecido como coidador non profesional”
Desde a secretaría provincial de Migracións ofrécese gratuitamente a posibilidade de estudar os casos e axudar nos trámites ante as chamadas Krankenkassen de Alemania
Ourense, 13 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da secretaría provincial de migracións informa que nas últimas semanas axudou a 15 mulleres a que obteñan o recoñecemento de coidadora non profesional ante a seguridade social alemá. As beneficiarias residen en Ribadavia, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Meis, Lugo, A Coruña, Zamora, Toledo e Alicante.
As funcións destas mulleres son coidar a familiares, emigrantes retornados de Alemania, que perciben só unha pensión alemá e ningunha prestación española. Tal e como explican dende a área de migracións, o seguro obrigatorio de asistencia sanitaria xermano “permite que, chegada a situación de dependencia, a persoa asegurada pode solicitar unha axuda económica e, segundo o caso, que un familiar poida ser recoñecido como coidador non profesional que cotiza ante a seguridade social alemá”.

Unha das mulleres beneficiadas é Carmela Azzariti, residente en Ourense, e filla dunha parella italoespañola, que foron emigrantes en Alemania. Desde o falecemento do seu pai, preocúpase da súa nai, cunha dependencia media e mobilidade moi reducida. A señora Azzariti consultara no verán do 2022 ao secretario provincial de migracións, Luís Gulín, sobre a posibilidade de obter esas prestacións da dependencia alemá. Ao descoñecer o procedemento e o idioma do país, Luís Gulin axudoulle nos trámites pertinentes.
“Despois dunha visita médica in situ realizada pola aseguradora alemá AOK no mes de outubro e no mes de xaneiro, a nai é recoñecida como beneficiaria das axudas da lei de dependencia alemá”, explica Gulín. Ao mesmo tempo, o secretario provincial de migracións do PSOE ourensán analizou a situación persoal de Carmela e animouna a ser recoñecida como coidadora non profesional. “Hai poucos días a aseguradora xermana, AOK, comunicoulle que xa foi dada de alta con efectos retroactivos e cotízase por ela segundo o baremo alemán”, afirma o responsable de migracións dos socialistas ourensáns.
Dado que estes trámites son “complicados e exclusivamente en alemán”, a secretaría provincial de migracións “lamenta” que nin a secretaría xeral de emigración da Xunta de Galicia, nin a Consellería de Política Social “teñan técnicos que axuden a estes emigrantes retornados de Alemania ante as chamadas Krankenkassen, as aseguradoras alemás”. Por parte do Goberno de España, as consellerías de traballo dos consulados en Alemania axudan nos trámites.
«Calculamos que só en Galicia hai como mínimo 50 persoas beneficiadas pola seguridade social alemá e cada ano vai crecendo. Actualmente estímase que en toda España hai unhas 2500 persoas. Moitos familiares gástanse diñeiro en traducir a documentación, unha media de 300 euros, e gran parte prefire renunciar e opta pola dependencia española», subliña Luís Gulín.
Carmela Azzariti agradece á secretaría provincial de migracións a axuda prestada, que sen ese labor técnico e de visitas ao domicilio e chamadas a Alemania, non lle fose posible atender agora á súa nai con tranquilidade e dignidade.
Desde a secretaría provincial de migracións ofrécese gratuitamente a posibilidade de estudar os casos e axudar nos trámites ante as chamadas Krankenkassen de Alemania.