O candidato á alcaldía de Ourense polo PSdeG-PSOE, Paco Rodríguez, volveu á radio este mediodía no programa Más de Uno, de Onda Cero, para responder ás preguntas do xornalista Paco Sarria e que os ouvintes poidesen coñecer mellor a posición do partido respecto a temas de actualidade, a campaña electoral a piques de comezar e o estancamento e ausencia de proxectos e innovación que asolagou á capital durante o último mandato de Democracia Ourensana.
«Cantas vivendas de promoción pública se construiron nos pasados 10 anos? Ningunha. O proxecto da estación intermodal como estaba hai 10 anos? Igual. Non se avanzou nada en todos estes anos. Non houbo un refrente ou unha proposta de futuro para a cidadanía e, en consecuencia, a situación é a que temos, lamentablemente», denunciou o aspirante á alcaldía.
Precisamente no eido da vivenda fixo fincapé, preguntado polas medidas recentemente anunciadas por Pedro Sánchez, en contraste coas solucións que propoñe o PP. «Temos unha débeda pendente coa sociedade todas as administracións públicas por non ser capaces de cumprir co dereito constitucional de acceso a unha vivenda digna», remarcou. E engadiu que se trata dunha proposta real, non un soño ou un anuncio electoralista, para intentar rematar con un dos escollos de exclusión máis grandes que existen na actualidade.

Neste senso, subliñou que o PSdeG-PSOE quere poñer de relieve que o horizonte non ten por que ser escuro e que hai esperanza para a cidade das Burgas. «Non está escrito en ningún lado que Ourense teña que ser un lugar de terceira ou cuarta categoría. Debemos recuperar o orgullo de ser de aquí. Hai moita xente nova e extraordinaria formada e informada que vai ser o piar fundamental para asentar ese proxecto de futuro dunha cidade que poidamos desfrutar e con expectativas», expuxo nos micrófonos da emisora.
Sobre as declaracións que Gonzalo Pérez Jácome fixo no mesmo estudio, en días anteriores, polas causas que a xustiza arquivou ou as que están pendentes de arquivarse, dos candidatos da oposición, o socialista insistiu en que o debate público debe centrarse nos proxectos que cada formación ten para a cidade e alonxarse da política-espectáculo na que se convertiu o Concello nestes últimos 4 anos. «O espazo no que se move esta persoa é o barro e o lixo e aí non me vai encontrar. Se algún día ten unha proposta de futuro para a cidade poderá atoparme. Pero non no seu típico debate, no que non vou a participar nin comparto», sinalou ao respecto.
Ao fío da situación tamén padecida polo actual delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, calificou a denuncia contra el, tamén arquivada, como de «inxusta» e ensalzou a súa figura como un «referente» cunha formación e ambición «que pode ser moi importante para o futuro do partido, da Comunidade Autónoma e da sociedade» en xeral.
Tamén houbo tempo durante a entrevista para abordar o problema da degradación do casco histórico e adiantou que esta debería ser unha das prioridades do goberno que os votantes escollan o 28 de maio. A zona vella require un plan serio, con profundidade, a longo prazo e «non a catro ou oito anos», subliñou o candidato socialista.