O PSDEG-PSOE CENLLE CRITICA A “DEMORA” DE 8 ANOS DO PP EN RECOÑECER A PERDA DE AUGA DA TRAÍDA E DE CARTOS PÚBLICOS POR MOR DO “NEFASTO” FUNCIONAMENTO DO SERVIZO
Os e as socialistas informan que o goberno municipal do Partido Popular recoñeceu no último pleno a perda de 500.000 metros cúbicos de auga durante os últimos 4 anos, que supuxeron un sobrecuste de máis de 80.000 euros as arcas municipais
O voceiro do PSdeG-PSOE, José Rodríguez Veloso, laiase de que os cartos “malgastados” en pagar auga que o concello non consume “impediron a realización de novas infraestruturas, o mantemento das actuais ou a rebaixa das taxas e impostos que paga a veciñanza”
Cenlle, 24 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de Cenlle informa que o goberno municipal do Partido Popular, a través da súa actual alcaldesa, Rebeca Sotelo Fernández, recoñeceu no último pleno municipal que se perderon 500.000 metros cúbicos de auga durante os últimos 4 anos. Os e as socialistas critican que “tras anos de escusas e mentiras, negando estas perdas de auga, teña que ser agora cando recoñecen este grave prexuízo para Cenlle e as súas xentes”.
Dende o grupo municipal socialista en Cenlle lembran que levan 8 anos denunciando o “nefasto” funcionamento do servizo de auga da traída, que xera perdas ano a ano de milleiros de metros cúbicos extraídos do río Miño e que supoñen un “importante” desembolso para as arcas municipais. Neste senso o PSdeG-PSOE de Cenlle explica que nos últimos 4 anos “pagáronse máis de 80.000 € das arcas municipais por 500.000 metros cúbicos de auga que non se empregaron e dos que se descoñece o seu destino”.
O actual voceiro do PSdeG-PSOE de Cenlle, José Rodríguez Veloso, afirma que “despois de 8 anos, o Partido Popular recoñece estas perdas de augas e dáme a razón nas miñas continuas denuncias sobre este tema, a pesar de negalo por activa e pasiva ao longo de todo este tempo”. Neste senso, o voceiro socialista laiase de que os cartos “malgastados” en pagar auga que o concello non consume “impediron a realización de novas infraestruturas, o mantemento das actuais ou a rebaixa das taxas e impostos que paga a veciñanza” e subliña que “o goberno municipal preferiu regalar os cartos, que investilos en melloras a prol da veciñanza”.
Rodríguez Veloso pon o foco nas “continuas mentiras” dos diferentes alcaldes de Cenlle nos últimos 8 anos, aos que acusa de “enganar a veciñanza e a oposición negando estas perdas de auga e de cartos públicos, co único fin de tapar a súa pésima xestión ao fronte do goberno municipal”. O voceiro socialista afirma que “8 anos despois, confírmase que as nosas alertas sobre a perda de auga eran verídicas e que o PP mentiu descaradamente, tratando de silenciar a realidade”.
O PSdeG-PSOE de Cenlle lembra que nestes anos, os concelleiros socialistas mantiveron reunións coa Confederación Hidrográfica Miño Sil, na que os técnicos “confirmáronnos que é imposible que esa gran cantidade de auga se estea perdendo, polo que queda de manifesto que a auga se está consumindo no noso concello, pero ninguén se fai cargo das taxas”. Os e as socialistas afirman que “seguiremos loitando por unha xestión transparente, na que o goberno municipal non agoche á veciñanza a onde se destinan os metros cúbicos que non consumen os 974 usuarios e usuarias da rede de auga da traída”.