O PSDEG-PSOE DE OURENSE CRITICA QUE JÁCOME PRIORICE “O GASTO DESMEDIDO EN RAMPAS E FESTEXOS” NO CANTO DE ATENDER PRIMEIRO ÁS FAMILIAS QUE MÁIS O NECESITAN
O grupo municipal socialista presentou, no mes de outubro, unha iniciativa para modificar as axudas para libros e comedores escolares e conseguir atender aos demandantes que quedaron fóra das mesmas
“Nada fixeron ata o de agora pola súa desidia e falta de sensibilidade social”, denuncia a voceira e secretaria xeral do partido en Ourense, Natalia González Benéitez, sobre o abandono dos máis vulnerables por parte do alcalde
Ourense, 25 de abril de 2023. O grupo municipal socialista do Concello de Ourense denuncia o abandono por parte do Goberno de Gonzalo Pérez Jácome no que se refire ás axudas públicas para libros, material escolar e comedores para o vindeiro curso. A voceira e secretaria xeral, Natalia González Benéitez, critica, ademais, que o alcalde priorice “o gasto desmedido en rampas e festexos” no canto de atender primeiro “ás familias que máis o necesitan”.
O PSdeG-PSOE ten coñecemento desde finais de agosto do pasado ano de que 124 familias quedaran excluídas das axudas para comedores e cualifícano de “incomprensible na situación de crise económica a nivel global que vivimos na actualidade”. Reclamaron, naquel entón e de xeito inmediato, “unha convocatoria extraordinaria para que ninguén que cumprise con todos os requisitos quedara fóra da mesma” polo sinxelo feito de responder á xustiza social e aos principios de redistribución da renda desde a Administración local.
Neste senso, o grupo municipal considera imprescindible modificar e mellorar as bases das axudas “porque son excesivamente restritivas e quedaron desfasadas en relación ás circunstancias actuais”, sinala a voceira. “De feito, un dos requerimentos consiste en ter unha renda per cápita inferior a 3.700 euros anuais, motivo polo que se excluíu a maior parte das solicitudes e que supón que toda a familia que obteña máis de 308 euros ao mes quede automaticamente fóra”, engade ao respecto.
Tralas queixas do PSdeG-PSOE meses atrás, Jácome anunciou que se realizarían os cambios oportunos para eliminar esas listas de agarda pero a situación segue a ser a mesma. “Nada fixeron ata a o de agora pola súa desidia e falta de sensibilidade social”, sentencia González sobre a problemática.
No mes de outubro, o grupo municipal presentou unha iniciativa ao Pleno na que un dos puntos de acordo instaba ao Concello de Ourense a que “se modifiquen as bases da convocatoria anual de axudas para libros e material escolar de cara ao vindeiro curso académico 2023/2024, incrementando a consignación orzamentaria municipal para as ditas axudas, optimizando o acceso ás mesmas e garantindo que todos os nenos e nenas que o soliciten e cumpran os requisitos poidan ter dereito ás mesmas en tempo e forma”.