concellos Denuncias

Os e as socialistas da Veiga denuncian que o PP pretende inaugurar unha obra en período electoral, algo totalmente prohibido

O PSDEG-PSOE DA VEIGA DENUNCIA QUE O ALCALDE DO PP PRETENDE INAUGURAR O VINDEIRO SÁBADO, EN PLENA CAMPAÑA, UNHA OBRA “MOI POLÉMICA” E CHEA DE “IRREGULARIDADES” COMO O CAMPAMENTO DE AUTOCARAVANAS DO COIÑEDO

Os e as socialistas anuncian que denunciarán ante a xunta electoral este acto, se se produce tal e como ten previsto o rexedor e lémbranlle ao alcalde que as inauguracións están “totalmente prohibidas” dende o pasado 4 de abril e ata o 28 de maio

“O custe total da obra ascendeu a 231.479,09 euros, un 78% máis do orzamento inicial e foi rematada 14 meses despois do prazo previsto”, apunta o voceiro socialista, Fernando Fernández Yáñez

A Veiga, 26 de abril de 2023. O PSdeG-PSOE de A Veiga denuncia que o alcalde do Partido Popular, Juan Anta Rodríguez, pretende inaugurar o vindeiro sábado día 29, en pleno período electoral, unha obra “moi polémica” e chea de “irregularidades” como é o campamento de autocaravanas do Coiñedo. Os e as socialistas anuncian que denunciarán ante a xunta electoral este acto, se se produce tal e como ten previsto o rexedor.

Dende o grupo municipal socialista na Veiga lémbranlle a Anta Rodríguez que as campañas institucionais de venta de logros ou inauguracións “están totalmente prohibidas” dende o pasado 4 de abril e ata o 28 de maio, data na que se celebrarán os comicios electorais.

No relativo a obra do campamento de autocaravanas do Coiñedo, os e as socialistas da Veiga sinalan que “o que mal empeza, mal acaba”, xa que tal e como apuntan “a obra está chea de irregularidades, como case tódalas obras que promociona o grupo de goberno do PP da Veiga”. Lembran que o proxecto desta obra foi aprobado o 17/9/21 e adxudicouse o 14/10/21, por un importe de 124.339,20 € e cuxo prazo de execución remataba o 20 de novembro de 2021.

Neste proxecto, ademais do edificio, peche e construción das instalacións, incluíase a construción dunha fosa séptica, que tal e como denuncian os e as socialistas “non só non se construíu, senón que se conectaron os sumidoiros a unha fosa séptica vella, con máis de 40 anos de funcionamento”. A obra, tal e como afirman dende o PSdeG-PSOE da Veiga, “foi certificada irregularmente na súa totalidade o 9 de decembro de 2021, xa que neses momentos non estaba construída nin a terceira parte da mesma”.

No pleno municipal do 9 de marzo de 2022, o voceiro do PSdeG-PSOE na Veiga, Fernando Fernández Yáñez, preguntou ao alcalde polo estado desa instalación, que xa debería estar rematada no 2021, e nesa data aínda faltaba por construír a maior parte do campamento. Ademais, o voceiro socialista aproveitou tamén para preguntarlle por que razón non se executou o proxecto aprobado e non modificado.

“A resposta do alcalde, tal e como consta en acta, foi que non tiña coñecemento dese particular e descargou toda a responsabilidade no técnico municipal”, afirma Fernández Yáñez. O investimento previsto era de 130.000 € e contaba cunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia por importe de 105.000 €. Ao mesmo tempo, tamén existía outra subvención dentro da mesma obra, para a mellora paisaxística na contorna da praia fluvial do Coiñedo, cun importe de 30.000 € e subvencionada tamén polo mesmo organismo.

Ante a denuncia do voceiro do PSdeG-PSOE, por non construírse a fosa séptica prevista no proxecto, o grupo de goberno solicitou outra subvención ao mesmo organismo, por un importe de 48.000 €. “O 1 de decembro de 2022 adxudicaron a súa construción, un ano despois do prazo de execución, e fixérono baixo o epígrafe de renovación da instalación de saneamento existente no lugar de O Coiñedo, e non como fosa nova, feito este irregular, xa que se trata da construción dunha fosa nova”, apunta Fernando Fernández.

“O custe total da obra ascendeu a 231.479,09 euros, un 78% máis do orzamento inicial e foi rematada 14 meses despois do prazo previsto”, apunta o voceiro socialista antes de finalizar apuntando que “estes datos demostran as continuas irregularidades na obra, algo que se repite na Veiga por parte do actual alcalde”.