Municipais 2023 Ourense 2023

Paco Rodríguez: «O diálogo é o que nos diferenza das bestas»

Ourense, 29 de abirl de 2023. Nunha amena entrevista en Radio Ourense Cadena SER, o candidato á alcaldía de Ourense polo PSdeG-PSOE, Paco Rodríguez, analizou asuntos de actualidade e contestou a algunhas das preguntas que máis se repiten sobre os posibles escenarios que se poidan abrir tralas vindeiras eleccións municipais do último fin de semana de maio.

O aspirante a dirixir o próximo Goberno local intentou responder con humor á grave infracción cometida por José Manuel Baltar cando afirmou que “durante estes anos á fronte da Deputación, nunca tivo especial interese en xustificar a chegada do AVE porque á velocidade pola que circula el por carreteira chega máis pronto que no tren”. Non obstante, sinalou que se trata dun comportamento inaceptable por parte dun cargo público e incidiu na necesidade de ser consecuentes cos propios actos, sobre todo cando se fala de actitudes ou códigos marcados pola propia institución. “Se os escribimos nun papel e alardeamos deles, hai que respectalos e cumprilos para que non se convirtan en papel mollado”, sentenciou.

Amosouse, por outra banda, con motivación e enerxía dabondo para enderezar o rumbo que Ourense tivo co actual alcalde e lembrou que as cousas poden cambiar se os cidadáns así o queren. “Hai que ir pensando en construír un futuro e considerar que o pasado recente, posiblemente, foi un mal soño, aínda que con consecuencias moi negativas. Eu quero pensar en positivo e en axudar a resolver os problemas da cidadanía e das persoas máis vulnerables”, sostivo ante os micrófonos da emisora.

Nesta mesma liña, recordou que a experiencia, combinada co coñecemento dos problemas actuáis da mocidade, é un dos moitos puntos fortes da candidatura coa que os socialistas se presentan ás vindeiras eleccións municipais. “Queremos deixar a conformidade de lado e aspirar ao que teñen outras cidades. Eu vou estar sempre á disposición doutras administracións e grupos políticos para construír entre todos. Non sobra ninguén, se nos respetamos, aínda que os proxectos políticos atendan a diferentes sensibilidades e intereses”, subliñou.

Urxe, segundo el mesmo explicou, premura nun cambio de Goberno para non perder máis tempo e atallar os problemas da xente. “O diálogo é o que nos diferenza das bestas. Unha base de diálogo e acordos e fundamental”, insistiu cando Pepe Rodríguez lle preguntou por posibles acordos con outros partidos, pero sempre baixo a cordura e o sentido común.

Cuestionado sobre un pacto de goberno con Gonzalo Pérez Jácome volveu ser, unha vez máis, contundente: “Xa me gustaría que fose unha persoa coa que se puidese chegar a acordos. Pero é difícil pactar con que está en contra da política. A política merece un respecto porque, a través dela, se pode mellorar ou empeorar a vida dos cidadáns», rematou na súa charla (que se pode escoitar a partir do minuto 45) co xornalista Pepe Domínguez.