Denuncias Parlamento de Galicia

Carmen Dacosta tilda de farsa as políticas de emprego da Xunta

O GRUPO SOCIALISTA TILDA DE “FARSA” AS POLÍTICAS DE EMPREGO DA XUNTA, QUE DEIXOU SEN EXECUTAR 2.000 MILLONS DENDE 2009

Carmen Rodríguez Dacosta critica o plan de acción en materia de emprego, baseado no “discurso insultante” de que “quen non traballa é porque é un vago” que defrauda ao sistema

Santiago de Compostela, 09 de maio de 2023. A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, cualificou de “farsa” as políticas de emprego do goberno galego porque “non executan” os orzamentos dispoñibles. Durante a comparecencia da conselleira de Emprego no Parlamento, lembrou que a Xunta deixou sen gastar 1.954 millóns dos 5.977 asignados a políticas de emprego dende 2009.

A parlamentaria socialista puxo en cuestión que o goberno galego vaia cumprir co anuncio de investir 70 millóns de euros na formación de 23.000 persoas desempregadas, xa que deixou no caixón 850 millóns dos 2.000 asignados á formación para o emprego. Só nos últimos tres anos desta Lexislatura, deixou sen gastar 200 millóns de euros dos 364 de crédito vixente para formación de desempregados.

Dixo que con estes antecedentes, o novo investimento para o programa de formación “cando menos parece máis un anuncio electoral que un programa formativo”, logo de 14 anos de goberno nos que se demostraron “incapaces de poñer en marcha unha política de formación para o emprego” en función das necesidades da demanda de emprego e do mercado laboral galego.

A responsable socialista acusou á conselleira de facer “un mitin máis propio de Vox” cando sinalan que a xustiza social é un “invento da esquerda” e acusando ao goberno do Estado de “comprar votos” logo de que o PP “deixara a 139.000 parados na cuneta”. Lembrou que na crise inmobiliaria de 2008 “deixaron aos parados e paradas na rúa porque non acordaron ERTEs ni nada”, logo de lembrar as cifras de emprego “históricas” acadadas pola política laboral do goberno de Sánchez.

Discurso insultante

A responsable socialista criticou que o goberno galego teña baseado o Plan de acción en materia de emprego nun “discurso insultante” de acusar aos parados de “non querer traballar”, criminalizando a estas persoas ao centrarse na ameaza de expedientes e sancións nos intentos de fraude entre os parados que “poñerían en risco as prestacións vencelladas ao emprego”.

Dacosta alertou do discurso perverso iniciado polo goberno galego cando o fraude detectado pola Inspección laboral apenas supuña o 0,03 por cento. Acusou ao goberno galego de equiparar aos parados con “vagos”, máis preto da liña da intervención da deputada do PP Andrea Fabra, que cando se debatían os recortes do goberno de Rajoy berraba “que se jodan”.

A responsable socialista si que constatou a existencia “dun número non menor de empresas pirata que presentan ofertas para forzar aos demandantes a acudir a elas coa ameaza de perder as prestacións, pero as condicións son diferentes ás ofrecidas, con menor remuneración e máis horas”. Ademais, alertou da falla dun protocolo de instrucións sobre a demanda para a inscrición dos parados.

Carmen Rodríguez replicou finalmente que “o fraude se produce pola parte da administración” cando obriga a unha persoa parada a facer un Itinerario Personalizado de Emprego coas actividades de formación realizadas en 12 meses, pero “a administración non oferta as actuacións que necesita, ás veces oferta outras e, na maioría dos casos, non oferta ningunha”.