O PSDEG-PSOE CELEBRA O MILLONARIO COMPROMISO DO GOBERNO CENTRAL DO PSOE CON OURENSE PARA CONVERTeR A ESTACIÓN NO GRAN NODO FERROVIARIO DO NOROESTE
Abellás, Tizón e Bautista destacan que “o ferrocarril ourensá só avanza cun goberno socialista na Moncloa, fronte a un Partido Popular que tapiaba os túneles e paralizaba todas as obras da provincia”
Os e as socialistas seguirán a “traballar a reo” ante o Executivo central, co fin de acadar “melloras e maiores prestacións” neste proxecto que prevé un investimento inicial de 130 millóns
Ourense, 16 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE “celebra” o “millonario compromiso” do Goberno central do PSOE con Ourense para “converter a estación ourensá no gran nodo ferroviario do noroeste”, tras autorizar o Consello de Ministros de hoxe un investimento de 130 millóns para licitar as obras de remodelación da terminal da terceira cidade de Galicia.
O deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás, a deputada no Congreso, Uxía Tizón e o senador, Miguel Bautista, destacan que, grazas a esta decisión, Ourense será “o novo nodo da mobilidade sostible e intermodal no noroeste do país” e, trala finalización dos traballos “a nosa estación poderá responder plenamente ao incremento de tráfico asociado á alta velocidade, á liberalización do transporte ferroviario e á modernización das liñas convencionais que nos unen co resto de Galicia”. En 2022 a estación ferroviaria tivo 1,8 millóns de usuarios e usuarias.
“O ferrocarril ourensá só avanzou cun goberno socialista na Moncloa, fronte a un Partido Popular que tapiaba os túneles do AVE e paralizaba todas as obras”, recordan a parlamentaria e os parlamentarios. “O PSOE sempre traballou con investimentos reais para Ourense e, unha vez mais, os feitos confirman este inquebrantable compromiso coa nosa provincia”, destacan antes de sinalar que Pedro Sánchez e os seus ministros e ministras “devolven a Ourense á senda do progreso”.
Os representantes de Ourense nas Cortes Xerais salientan o “robusto pulo” que as nosas infraestruturas están a recibir nos últimos anos grazas ao executivo socialista, mediante “incontables acordos do Consello de Ministros e Ministras e decisións do Mitma” que “permiten emendar dunha vez por todas os tesoirazos aplicados polo PP na provincia”. “Fronte ao permanente fume que nos vendían os gobernos conservadores, desde o PSOE cumprimos con feitos: infraestruturas rematadas, obras en marcha, licitacións executadas e redacción de proxectos en fase de finalización”, insisten.
Seguiremos a reclamar melloras
Os e as socialistas seguirán a “traballar a reo” ante o Executivo central, co fin de acadar “melloras e maiores prestacións” neste proxecto tramitado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), logo da “parálise” e o “cambiazo” aplicado a dedo polo goberno de Mariano Rajoy, ante o fantástico proxecto orixinal do estudio de Norman Foster. “Sempre defendemos que Ourense precisa unha estación digna, de calidade e adaptada ás necesidades de integración urbana da cidade, algo que imos a seguir a facer para que así sexa”, aseveran desde o PSOE ourensán.
130 millóns para a nova estación
O investimento autorizado hoxe, permitirá que o edificio de viaxeiros triplique o seu actual espazo ata os 1.340 metros cadrados, contando cunha nova sala de embarque acristalada a carón da praia de vías. Ás novas plataformas accederase a través dun gran paso elevado cuberto que terá ascensores e escaleiras mecánicas e fixas. Tamén se reordenarán as vías e as plataformas, ata sumar once vías para trens de viaxeiros. A actual praza da estación remodelarase cunha nova marquesiña de gran altura na entrada principal e con cubertas menores no resto.
O proxecto para que o Goberno central destinará inicialmente 130 millóns de euros, tamén inclúe a cobertura parcial da praia de vías desde a avenida de Santiago, creando unha nova praza superior sobre as mesmas, que será urbanizada e axardinada. Igualmente Mitma executará unha pasarela peonil cuberta con ascensor, que cruzará todas as vías desde a praza principal da estación, así como unha nova glorieta nos cruces das avenidas de Marín, As Caldas e Eulogio Gómez Franqueira.







