O PSDEG-PSOE APOSTA POLO CAMBIO EN MACEDA DA MAN DE UXÍA OVIEDO E O SEU EQUIPO, A ÚNICA ALTERNATIVA “FIABLE” PARA DEMOSTRARLLE Á VECIÑANZA QUE «HAI FUTURO”
Os e as socialistas apostan por un proxecto “enfocado nas persoas”, e no que se poña en valor “o rural, a identidade, o medio ambiente, a cultura e o patrimonio”, cuns servizos municipais “dignos, eficientes e que dean resposta ás demandas da veciñanza”
A candidata, Uxía Oviedo, subliña que “o vindeiro 28 de maio temos a oportunidade de darlle á nosa vila, as nosas aldeas e a nós mesmos un proxecto serio e renovador que nos permita avanzar como municipio e volver a ser un punto de referencia da nosa contorna”
Maceda, 19 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE aposta polo cambio en Maceda da man de Uxía Oviedo De Dios e o seu equipo, a única alternativa “fiable” para demostrarlle á veciñanza que no municipio “hai Futuro”. Os e as socialistas apostan por un proxecto “enfocado nas persoas”, e no que se poña en valor “o rural, a identidade, o medio ambiente, a cultura e o patrimonio”, cuns servizos municipais “dignos, eficientes e que dean resposta ás demandas da veciñanza”.
Ducias e ducias de veciños e veciñas de Maceda non quixeron perderse esta tarde o acto central dos e das socialistas no día de hoxe na vila. O salón de plenos do concello de Maceda encheuse para escoitar as propostas e o proxecto do PSdeG-PSOE para a vila, no que Uxía Oviedo De Dios, será a cabeza de lista dun equipo que aspira a gobernar. A candidata socialista estivo arroupada polo seu equipo, así como pola deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega.



A candidata á alcaldía de Maceda, Uxía Oviedo De Dios, afirmou durante a súa intervención que asume o reto de encabezar a candidatura do PSdeG-PSOE ao Concello de Maceda “con inmensa ilusión, responsabilidade e compromiso, e coa idea firme de devolverlle ao meu pobo todo o que me brindou como macedá ata o día de hoxe”.
A candidata socialista a alcaldía de Maceda subliña que “o vindeiro 28 de maio temos a oportunidade de darlle á nosa vila, as nosas aldeas e a nós mesmos un proxecto serio e renovador que nos permita avanzar como municipio e volver a ser un punto de referencia da nosa contorna”. Neste senso, Oviedo de Dios tamén fai fincapé en que “sabemos que Maceda ten presente e futuro, pero é necesario asegurar que ese futuro sexa o máis próspero posible”.
As e os socialistas teñen claro que para conseguir os obxectivos “só hai unha fórmula posible”, que tal e como apunta, non é outra que “traballar a carón da veciñanza, estando presente en cada rúa da vila e en cada un dos 54 núcleos de poboación que conforman o noso concello”. “Queremos devolverlle a luz ao noso municipio despois de anos de intensa treboada, queremos traballar por e para a veciñanza e queremos ser a voz do cambio”, afirma a nova candidata do PSdeG-PSOE de Maceda.
Pola súa banda, a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Marina Ortega Otero, destacou que en Maceda “apostamos por unha das candidatas máis novas do panorama galego” e afirmou que os e as socialistas “apostamos pola mocidade fronte a un Partido Popular, que tal e como nos ten demostrado ao fronte do goberno municipal, da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, só lle ofrece aos nosos mozos e ás nosas mozas a oportunidade de emigrar”. Neste senso, a parlamentaria socialista tamén apuntou que “este concello precisa dun goberno encabezado por Uxía Oviedo, para demostrarlle á veciñanza que hai futuro”.