O PSDEG-PSOE DENUNCIA ANTE A XUSTIZA O CONTINUADO USO ILEGAL E IRREGULAR DOS COCHES OFICIAIS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE QUE HABITUALMENTE CONDUCE MANUEL BALTAR
Foi trala nova difundida hoxe que destapa que a institución ourensá, ante dúas sancións por circular a máis de 170 km/, identificou como condutoras de coches oficiais a dúas persoas alleas á Deputación
Rafa Villarino explicou que ante «tal cúmulo de sucesos esperpénticos e escandalosos», sumados aos feitos coñecidos hoxe, albíscanse unha “trama” de presuntos delitos de usurpación e falsidade documental
Ourense, 26 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE vén de levar ante a xustiza o continuado uso ilegal dos coches oficiais da Deputación de Ourense que habitualmente conduce, de forma arbitraria e totalmente temeraria, Manuel Baltar. Os e as socialistas adoptaron esta decisión logo de “carrusel de irregularidades” coñecidas durante as últimas semanas, ás que o presidente contestou unicamente con “máis mentiras e máis falsidades”. “Estamos ante unha trama continuada dun mentiroso compulsivo”, manifestaron antes do rexistro da denuncia.
Trala nova difundida hoxe, na que varios medios de comunicación destapan que a institución, ante dúas sancións por exceso de velocidade, identificou como condutoras dos vehículos oficiais a dúas persoas alleas á Deputación –a parella e a filla dun chofer– por circular a 179 km/h o 6 de abril de 2021 na AP-6 na provincia de Segovia e por circular a 171 km/h na A-52 na Gudiña o 12 de maio de 2022, desde o PSdeG-PSOE sinalan que a fiscalía ten que indagar de inmediato o que parece unha trama para ocultar a identidade real da persoa que realmente estaba ao volante: Baltar.



Nunha comparecencia diante dos xulgados da terceira cidade de Galicia, o voceiro, Rafa Villarino, explicou que ante «tal cúmulo de sucesos esperpénticos e escandalosos», sumados aos graves feitos coñecidos hoxe, albíscanse presuntos delitos de usurpación e falsidade documental, xa que dúas persoas alleas á Deputación non poden facer uso discrecional do patrimonio da institución. E, no caso de non ser estas dúas mulleres as persoas que realmente conducían ese vehículo oficial aqueles días, esa identificación ficticia practicada pola institución tamén sería delictiva.
Desde o PSdeG-PSOE reclaman probas como as testificais do presidente ourensá e das dúas mulleres implicadas nos feitos difundidos hoxe, así como a triangulación dos seus teléfonos móbiles e o resto de pesquisas que se consideren oportunas para dilucidar “unha realidade que en breve estará á vista de todos e todas, a pesar de que borren e oculten as gravacións das cámaras de seguridade”. O viaxe da multa en Segovia coincide cun acto de Manuel Baltar en Madrid para asistir a estrea dunha película e cun partido do Real Madrid. A outra viaxe con sanción coincide cunha xuntanza política en Valencia.
“Se era inadmisible que este chofer fora incapaz de identificar ao condutor ou agora posible condutora, que circulaba a velocidades estratosféricas en 2021 nas proximidades de Monforte, que ten que dicir agora, ao respecto de que sexan a súa filla e a súa dona as condutoras dun coche oficial da Deputación?”, preguntouse o voceiro socialista, antes de salientar a necesidade de “esclarecer os feitos dunha vez por todas, facer xustiza cos medios públicos e rematar este esperpento”.