O PSDEG-PSOE IMPULSARÁ PROXECTOS “REAIS E ÚTILES” PARA A PROVINCIA DE OURENSE FINANCIADOS CON FONDOS EUROPEOS E NON PARIPÉS DO PP COMO OS PROXECTOS CASTAÑA OU ESTACIÓNS
Do Proxecto Castaña, que foi “un fraude e un fracaso estrepitoso”, salientan como incluso foi un “paripé” a imaxe difundida con supostos investigadores que realmente eran empregados da Deputación
Ante “políticas parasitarias do pasado” resaltan que promoverán o “uso correcto dos fondos da UE na Deputación” para “brindar futuro, beneficios equitativos, impulso económico e social e sustentabilidade”
Ourense, 31 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE impulsará, desde o goberno da Deputación Provincial, proxectos financiados con fondos comunitarios “reais e útiles” para todo Ourense e non “paripés como os do Partido Popular ao longo dos últimos lustros”, entre outros, os proxectos ‘Castaña’ ou ‘Estacións Vivas’, que resultaron ser “auténticos fracasos e sonoros fraudes dos fins para os que os foron concedidos os cartos públicos da Unión Europea”.
Do Proxecto Castaña, do que recentemente coñecemos que foi “un fraude e un fracaso estrepitoso”, salientan como incluso foi un “paripé” a imaxe difundida sobre supostos investigadores implicados no proxecto ideado polos conservadores. Naquela fotografía podía apreciarse a un grupo de persoas nun laboratorio, pero os e as protagonistas daquela imaxe, en realidade, non eran científicos e si persoal da Deputación: todos eran administrativos ou peóns agrícolas que, na súa maioría, continúan a traballar na institución aínda hoxe.

No proxecto Estacións Vivas a deputación ourensá gastou case cinco millóns de euros da iniciativa comunitaria Interreg III-A España–Portugal (FEDER) en adecuar unhas instalacións que na actualidade “están practicamente mortas” e sen uso, xa que, na súa maioría, nin prestan servizo ferroviario nin están operativas para outros usos sociais ou culturais, tal e como venderon desde o PP. Segundo un informe da propia institución provincial ao que tiveron acceso no Grupo Provincial Socialista, as estacións de Vilar de Barrio, Os Peares, Vilavella, Cantoña e Campobecerros están pechadas e, nalgúns casos, totalmente abandonadas, sen subministro eléctrico e con importantes desperfectos que requiren de novos investimentos para ser subsanados.
Só hai dúas activas con “pírricos” resultados. A estación de Baños de Molgas está adicada a un museo sobre Moncho Borrajo, mentres que a antiga terminal de Santa Cruz de Arrabaldo, na contorna da cidade, acolle o ‘Museo do Automóbil (Estanislao Reverter)’ e o ‘Museo do Traxe Tradicional Galego cunha exposición de traxes e as fases de traballo do liño’. Ambas abren en horarios moi reducidos moi poucas horas á semana.
“O uso correcto dos fondos da Unión Europea en proxectos da Deputación de Ourense é esencial para o desenvolvemento e progreso da provincia”, insisten desde PSOE, xa que “estes fondos proporcionan unha oportunidade única para investir en infraestruturas, educación, cultura ou promoción e desenvolvemento económico”, mellorando a calidade de vida da veciñanza. “Pero hai que facelo con sentido e sen trampas ou irregularidades”, insisten antes de recordar os múltiples problemas legais que, neste ámbito, acumulan os gobernos provinciais da familia Baltar, executivos “xa no seu ocaso”.
“O acceso a estes recursos debe promover a igualdade de oportunidades e a cohesión social, reducindo as disparidades rexionais e fomentando o crecemento sostible” e non “o caciquismo, os beneficios persoais ou partidistas e as trampas electorais”, advirten os e as socialistas, tal e como se viu ata o de agora na provincia, “algo que está a piques de cambiar”.
Ante estas “políticas parasitarias do pasado” que “están deixaron unha provincia esquilmada polos conservadores e os seus intereses” desde o PSdeG-PSOE resaltan que “promoveremos o uso correcto dos fondos da Unión Europea en proxectos da Deputación de Ourense” para “brindar futuro, beneficios equitativos para todos e todas, impulso económico e social e sustentabilidade”. “É fundamental aproveitar estas oportunidades de financiamento para levar a cabo proxectos reais que impulsen o desenvolvemento integral e melloren a calidade de vida”, conclúen.

