Deputación de Ourense Executiva Provincial de Ourense

Iniciamos o diálogo para propiciar un cambio de goberno na Deputación Provincial

A EXECUTIVA PROVINCIAL DO PSDEG-PSOE DE OURENSE CONFIRMA, POR UNANIMIDADE, A ACEPTACIÓN DA ENCOMENDA DAS ALCALDÍAS E PORTAVOCÍAS DA PROVINCIA PARA PROPICIAR UN CAMBIO DE GOBERNO NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL

Dende o PSOE ourensán abren deste xeito a vía do “diálogo” con Democracia Ourensana e co Bloque Nacionalista Galego co “único” obxectivo de chegar a acordos que permitan por fin a 36 anos de gobernos do clan Baltar na provincia e 44 anos de goberno da dereita

Ourense, 31 de maio de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da súa Executiva Provincial, reunida na tarde-noite de onte, vén de manifestar que “estamos ante unha obriga histórica: o apoio unánime ao inicio das negociacións coa finalidade de propiciar un goberno de cambio na Deputación Provincial de Ourense”. Os e as socialistas acordaron tamén respaldar ao seu secretario xeral, Rafael Rodríguez Villarino, como “interlocutor natural das negociacións”.

A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense confirma deste xeito a aceptación da encomenda das alcaldías e portavocías da provincia de propiciar o cambio na Deputación Provincia. Os e as socialistas recollen tamén o sentir dos alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia, así como dos voceiros e das voceiras dos diferentes municipios, que avalan e promoven a necesidade deste cambio no goberno provincial.

Dende o PSOE ourensán abren deste xeito a vía do “diálogo” con Democracia Ourensana e co Bloque Nacionalista Galego co “único” obxectivo de chegar a acordos que permitan por fin a 36 anos de gobernos do clan Baltar e a 44 anos de gobernos da dereita na provincia. Os e as socialistas consideran que “estamos ante unha obriga e unha débeda histórica con esta provincia e cos veciños e veciñas dos 92 concellos da provincia, que decidiron non darlle a maioría absoluta ao Partido Popular”.

A Executiva Provincial considera “primordial” buscar dito acordo para aparta o PP do goberno provincial e por fin deste xeito “a rede clientelar e caciquil promovida polos populares e consistente nunha trama de reparto indiscriminado de fondos públicos entre concellos afíns, co único fin de comprar vontades e de castigar a aqueles concellos que apostan por outras siglas distintas ás do PP”. Neste senso tamén afirman que a provincia “non pode seguir nin un minuto máis nas mans do clan Baltar e do Partido Popular, que levaron a Ourense a encabezar tódolos ránkings negativos a nivel nacional”.