Parlamento de Galicia POLÍTICA PROVINCIAL

Carmen Dacosta reclamalle á Xunta que se reúna coa veciñanza afectados polo polígono agroforestal de Prado

O GRUPO SOCIALISTA LEVA Ó PARLAMENTO UNHA INICIATIVA PARA RECLAMARLLE Á XUNTA QUE SE REÚNA COS VECIÑOS E VECIÑAS AFECTADOS POLO POLÍGONO AGROFORESTAL DE CASTRELO DE MIÑO

Carmen Rodríguez Dacosta recriminoulle á consellería de Medio Rural na súa intervención que “non se reunise coas veciñas e veciños despois, tal e como se comprometeran nunha reunión previa”

A deputada socialista por Ourense tamén puxo o foco “no cambiazo levado a cabo polo goberno galego, que modificou a superficie afectada orixinal de 53 hectáreas a 163, sen informar á veciñanza”

Ourense, 12 de decembro de 2023. O PSdeG-PSOE vén de reclamar esta tarde na comisión de agricultura, alimentación, gandaría e montes que á Xunta de Galicia se reúna cos veciños e veciñas afectados polo polígono agroforestal de Prado, en Castrelo de Miño. A deputada autonómica socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, presentou unha batería de preguntas aproveitando a comparecencia da directora xeral de medio rural para que aclarase dita situación.

Dende o grupo parlamentario socialista consideran que estamos ante un “atropelo” e ante unha decisión que “vai contra os intereses da veciñanza de Prado”. Os e as socialistas esíxenlle á Xunta de Galicia que “se reúna coa veciñanza e que proceda a paralizar a posta en marcha do polígono industrial, ata que non estea consensuado o mesmo cos veciños e veciñas”.

Os e as socialistas aproveitan tamén para sinalar que “apoiamos os instrumentos para a recuperación e posta en marcha de terras de boa capacidade, que se encontren en estado de abandono ou infrautilización, ou que sexan susceptibles de optimización, coa finalidade de constituír áreas de explotación que garantan a súa rendibilidade”. Aínda así, tal e como apuntan “estaremos a favor sempre que non se realicen ás costas da veciñanza e ca transparencia esixida nestes procesos”.

A parlamentaria do PSdeG-PSOE de Ourense preguntou sobre a decisión que vai adoptar a Xunta de Galicia, unha vez coñecido o rexeitamento das veciñas e dos veciños afectados polo actual proxecto de polígono agroforestal de Prado de Miño. Tamén cuestionou se ten pensado o conselleiro de Medio Rural, José González, reunirse coa veciñanza afectada de forma inmediata, así como a valoración do goberno galego ao respecto deste rexeitamento.

Carmen Rodríguez Dacosta recriminoulle á consellería de Medio Rural na súa intervención que “non se reunise coas veciñas e veciños despois da vendima de 2022, tal e como se comprometeran”. A deputada socialista por Ourense tamén puxo o foco “no cambiazo levado a cabo polo goberno galego, que modificou a superficie afectada orixinal de 53 hectáreas a 163, sen informar á veciñanza”. Neste senso a parlamentaria tamén aproveitou para preguntar se a consellería “coñece as cláusulas do documento entregado pola empresa encargada dos traballos de investigación da titularidade do proxecto e se a consellería está conforme con ditas cláusulas”.

Rodríguez Dacosta esíxelle ao goberno galego e a Medio Rural “claridade” e que proceda con carácter de “urxencia” a reunirse coa veciñanza para escoitar as súas reclamacións e suxestións e para que lles dean traslado dos cambios anunciados nos DOG de maio de e de xullo de 2023. A deputada socialista tamén aproveitou para pór o foco sobre a documentación entregada á veciñanza por parte da empresa encargada dos traballos de investigación da titularidade, xa que tal e como alegou “a veciñanza non está conforme co documento, polo que tras reunirse en asemblea veciñal o 21 de outubro deste ano, acordaron rexeitar calquera actuación encamiñada a posta en marcha do citado polígono”.