Concello de Ourense FEMINISMO Política municipal

Reclamamos que se lle dea o nome de Olga Gallego a algún espazo do rueiro ourensán

O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE OURENSE RECLAMA QUE SE LLE DEA O NOME DE OLGA GALLEGO A ALGÚN ESPAZO DO RUEIRO OURENSÁN OU DALGÚN EDIFICIO DE TITULARIDADE MUNICIPAL

“É incomprensible que no século XXI aínda non lle outorgásemos a relevancia que tivo para a cidade, sendo a primeira muller en conseguir ingresar na Real Academia Galega, entre outros moitos fitos”, afirma a edil do PSdeG Cristina Cruz

Lembran os e as socialistas que foi a figura feminina que máis respaldos acadou de entidades e asociacións, logo de propoñela eles para o rueiro do ano 2019, e que nada se sabe desta iniciativa, pese a teren preguntado pola mesma en numerosas ocasións

Ourense, 12 de decembro de 2023. Co centenario do nacemento da historiadora, arquiveira, docente e investigadora Olga Gallego Domínguez o grupo socialista reclama que o Concello de Ourense lle dea o seu nome a un espazo público do rueiro ou dalgún edificio de titularidade municipal. “É incomprensible que no século XXI aínda non lle outorgásemos a relevancia que tivo para a cidade, sendo a primeira muller en conseguir ingresar na Real Academia Galega, entre outros moitos fitos”, afirma a edil do PSdeG Cristina Cruz.

Antes de converterse en membro da mencionada entidade académica, traballou pola conservación da memoria e a historia de Ourense en diferentes lugares como a Biblioteca Provincial, o Corpo Facultativo de Arquiveiros e, en 1969, foi nomeada para dirixir o Arquivo Histórico Provincial e o Arquivo da Delegación de Facenda –sucedendo a Ferro Couselo, unha das persoas coas que mantivo unha importante relación intelectual–.

“A súa profesionalidade, dilixencia e o seu bo facer convertérona nun referente no ámbito cultural e intelectual. Por iso, en 1975, foi nomeada Directora do Museo Arqueolóxico Municipal”, engade a concelleira socialista. A transformación que fixo na estrutura e funcionamento das bibliotecas e arquivos, a prol da divulgación e o achegamento á cidadanía que quería investigar de infinitos documentos, fixo dela a “alma mater” e guía dos centros de lectura da cidade.

Lembran os e as socialistas que foi a figura feminina que máis respaldos acadou de entidades e asociacións na proposta feita para o rueiro do ano 2019, cuxo obxectivo era camiñar cara a unha paridade palpable, e que en reiteradas ocasións preguntaron polo punto no que se atopa esta iniciativa sen obter resposta de ningún tipo polo momento.

Foron moitas as distincións que lle tributaron, como o Lazo da Orde de Afonso X o Sabio (1969), a Medalla de Anabad (1999), a Medalla de Prata de Galicia da Xunta de Galicia (2000), a Medalla Castelao (2006) e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (2008). A Universidade de Vigo tamén lle fixo unha homenaxe póstuma o 19 de xullo de 2012 e nomeou un dos pavillóns do Campus de Ourense Olga Gallego. “Vai sendo hora de que o Concello organice un acto para o seu recoñecemento a nivel institucional e lle poña o seu nome a un espazo de titularidade municipal”, remata a edil do PSdeG.