O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA CONSEGUE QUE SE APROBEN AS SÚAS MOCIÓNS PARA QUE O CONCELLO DE OURENSE ELABORE UN PLAN DE SAÚDE MENTAL E INCORPORE UNHA INTÉRPRETE DE LINGUA DE SIGNOS
Ámbalas dúas iniciativas foron respaldadas polo PP e o BNG mentres que o equipo de goberno votou abstención poñéndose de perfil, unha vez máis, ante políticas sociais necesarias para á cidadanía
Correspóndenos promover estratexias de vital importancia para que os nenos e nenas poidan ter un crecemento, individual e social, de calidade”, destacou a edil María Fernández
Ourense, 2 de febreiro de 2024. O grupo municipal socialista conseguiu que se aprobase co respaldo de BNG e PP, malia a abstención de Democracia Ourensana, unha moción para instar ao Concello de Ourense a que elabore un plan integral de saúde mental centrado, especialmente, nas problemáticas actuáis que padece a cativada e a adolescencia. “Somos conscientes de que as competencias sanitarias pertencen á Xunta de Galicia, pero tamén de que dende a política municipal podería traballarse en positivo nesta área e ter en conta ao 15% da poboación da nosa cidade”, sinalou a edil María Fernández Ojea ante o posicionamento do goberno local que se puxo de perfil.
“Os trastornos de comportamento atópanse entre as principais causas de enfermidade e discapacidade nos mozos e mozas e o suicidio é xa a cuarta causa de morte no grupo etario de 15 a 19 anos. Correspóndenos promover estratexias de vital importancia para que os nenos e nenas poidan ter un crecemento, individual e social, de calidade”, destacou a encargada de defender a iniciativa.
Entre os puntos de acordo aprobados se inclúe a elaboración do citado plan integral municipal de saúde mental, máis tamén a necesidade de dotalo dos recursos económicos e profesionais suficientes para a súa posta en marcha e que non quede en papel mollado. Así mesmo, os e as socialistas reclaman que se cronforme o Consello Municipal de Xuventude para escoitar as súas necesidades e demandas e que se organicen actividades continuadas orientadas á poboación infantil e adolescente.
Sobre este último punto, a concelleira de DO Noa Rouco afirmou que supón “algo innecesario porque non deixa de ser unha tertulia que carece de eficiencia”. “Se a rapazada dispón dun plan de actividades ao longo de todo o ano, e espazos habilitados, ao mellor moitos deles deciden deixar de fumar nun parque público e asistir ás actividades que o Concello de Ourense propón”, espetoulle a socialista. E engadiu, en referencia á importancia de crear dito Consello Municipal de Xuventude: “Se ademais os escoitamos, e lles ofrecemos un grupo formal no que poidan reverter as súas inquedanzas, ao mellor sentiríanse importantes e parte de algo”.



Por outra banda, e co mesmo respaldo de PP e BNG e a abstención de DO, as socialistas lograron que se aprobara unha iniciativa na que se solicita ao Concello de Ourense que inclúa na nova RPT unha praza para intérprete de lingua de signos e se estableza un convenio de colaboración estable coa Asociación de Persoas Xordas de Ourense (APSOU) para promover a actividade desta entidade que este 2024 chega aos 50 anos de vida. “Merecen un importante recoñecemento público”, argumentou.
“Dende a administración local temos moitas contas pendentes con esta parte da poboación. A iniciativa que traemos aquí persegue non só facer accesibles as sesións plenarias, senon calquera acto organizado polo Concello e a información sobre procedementos ou solicitudes que desexen realizar presencialmente”, aclarou.
“Lamentamos a escasa empatía do alcalde pero deberiamos facer un exercicio todas e pensar que calquera de nós podería padecer unha discapacidade auditiva ao longo da nosa vida e quereriamos ter os mesmos dereitos e liberdades que temos agora”, expuxo a portavoz do grupo municipal do PSdeG, Natalia González. E recriminou ao alcalde, Gonzálo Pérez Jácome, que ante un rogo das socialistas, na sesión ordinaria do decembro pasado, para que se incluira interprete de signos nos plenos desde o executivo local contestaran: “Entendemos que non procede ante o pequeno número de persoas que estimamos se beneficiarían da medida”.
“Pagan os mesmos impostos e teñen os mesmos dereitos que todas as persoas que non presentan xordera ou discapacidade auditiva”, rematou a edil lamentando que só se goberne pensando no rédito electoral en lugar de ampliando os dereitos sociais de toda a cidadanía.

