O PSDEG-PSOE SALIENTA QUE CON BESTEIRO AO FRONTE DA XUNTA, OS E AS SOCIALISTAS CONVERTERÁN O TERMALISMO NUN DOS BUQUES INSIGNIAS DA PROVINCIA E DA CIDADE DE OURENSE
Apostan pola creación dun plan estratéxico termal que recupere todos os espazos termais e pregúntanse “que aconteceu co gran hotel-balneario que prometeu Feijoo en 2020 e do que nada se sabe?”
Carmen R. Dacosta destaca o compromiso “ineludible” do PSOE co termalismo, lembrando que “sempre pedimos un plan estratéxico termal nos orzamentos da Xunta, pero o PP nunca se comprometeu a apostar por esta vía, clave para o desenvolvemento de Ourense”
Estamos seguros que con Besteiro de presidente da Xunta de Galicia, os recursos termais terán a capacidade que deberían ter dende fai moito tempo na nosa provincia”, afirma Nacho Gómez
Ourense, 2 de febreiro de 2024. O PSdeG-PSOE salienta que a partir do 18 de febreiro, con José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Xunta de Galicia, os e as socialistas converterán o termalismo nun dos buques insignias da provincia e da cidade de Ourense. Os e as socialistas apostan pola creación dun plan estratéxico termal que recupere todos os espazos da cidade e da provincia e pregúntanse “que aconteceu co gran hotel-balneario que prometeu Feijoo en 2020 e do que nada se sabe?”.
A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense destaca a “imperiosa” necesidade de potenciar o termalismo na provincia e na cidade, despois de anos de “desleixo” e “abandono” por parte dos gobernos autonómicos do Partido Popular. Os e as socialistas poñen de manifesto que cun goberno socialista ao fronte da Xunta “darémoslle o pulo necesario para que o termalismo brille con luz propia e nos permita xerar emprego, así como riqueza, a través da chegada de turistas”.



A candidata socialista por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, salienta o compromiso “ineludible” do PSOE co termalismo, lembrando que “sempre pedimos un plan estratéxico termal nos orzamentos da Xunta, pero o PP nunca se comprometeu a apostar por esta vía, clave para o desenvolvemento termal en Ourense”. A cabeza de lista dos e das socialistas ao Parlamento de Galicia pon de manifesto que Ourense “é a segunda cidade europea co maior caudal termal, e sen embargo o PP desaproveitou ao longo dos últimos anos a oportunidade de situar á provincia e á cidade no mapa do termalismo mundial”.
Rodríguez Dacosta lembra que Feijóo “aprobou a polémica lei de aproveitamento de augas termais e espazos lúdicos en contra do termalismo en Ourense” e apunta que a “inacción do PP ante este potencial é total”. A futura parlamentaria socialista finaliza afirmando que “con José Ramón Gómez Besteiro imos cambiar a situación, apostando polo termalismo para que a provincia e a cidade xeren emprego e riqueza e convertamos este ben tan prezado nun elemento clave para Ourense”.
“Estamos seguros que con Besteiro de presidente da Xunta de Galicia, os recursos termais terán a capacidade que deberían ter dende fai moito tempo na nosa provincia”, afirma o candidato do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia, Nacho Gómez Pérez. O número 2 da candidatura socialista pola provincia destaca que a problemática existente co termalismo “é froito da incompetencia do PP, que é incapaz de aproveitar correctamente unha riqueza inigualable que ten a provincia, por mor de non facer os deberes a tempo”.
Gómez Pérez fai fincapé na situación dos carteis que anuncian as zonas termais, sinalando que “en moitos casos están mal localizados” e apunta tam-en as concesións privadas autorizadas polo PP “que malgastan os recursos termais e impiden a explotación en moitos momentos do ano”. O candidato socialista destaca que “da man de José Ramón Gómez Besteiro o termalismo deixará de ser o bluff no que o converteu o PP, para brillar con luz propia, cunha posta en valor dos recursos, que nunca foi quen de levar a cabo o PP”.
Gran hotel-balneario outra promesa incumprida do PP
O PSdeG-PSOE de Ourense tamén denuncia outra promesa “incumprida” do PP, despois de que o anterior candidato e presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo se comprometera na anterior campaña electoral a construción dun gran hotel-balneario na cidade. “Rueda e Feijóo prometen moito, pero non levan nada a cabo”, denuncia Carmen R. Dacosta, antes de sinalar que “neste momento Ourense está desaproveitando os seus recursos termais”.
A candidata socialista destaca que cun presidente socialista ao fronte da Xunta de Galicia “cambiaremos a política de desleixo do PP, crearemos ese plan estratéxico termal tan demandado e potenciaremos o termalismo de calidade para que recupere o seu esplendor de tempos pasados e para mellorar aínda máis a nosa oferta termal”.
Pola súa banda, Nacho Gómez tamén aludiu a outra promesa “grandilocuente” do PP, en referencia ao balneario que Baltar pretendía impulsar no actual edificio da Deputación de Ourense. “Estamos falando doutro incumprimento e dun proxecto do que nada máis se volveu a saber”, explica, antes de apuntar que “co PP son todo promesas, pero ningunha vale nada, porque non acaban pasando de idea a realidade”.

