Concello de Ourense DEREITOS SOCIAIS INICIATIVAS

Conseguimos que se aprobe unha moción para crear unha liña de axudas para persoas celíacas

AS E OS SOCIALISTAS CONSEGUEN QUE SE APROBE A SÚA MOCIÓN PARA CREAR UNHA LIÑA DE AXUDAS PARA PERSOAS CELÍACAS E SE POÑA EN MARCHA A «REDE OURENSE SEN GLUTE»

“A dispariedade de prezos entre os produtos con e sen glute chega a alcanzar o 200% máis sobre os segundos. Por poñer un exemplo dun produto básico: o pan sen glute, un alimento que case a totalidade da poboación consume a diario e que 100 gramos de media ten un custe de 1,27€; mentres que se se trata de pan común, con glute, estes 100 gramos custan 0,23€”, destacou a voceira do PSdeG

A segunda iniciativa, para elaborar e poñer en marcha unha estratexia que aborde a problemática do senfogarismo e recuperar e dotar de asignación económica os  programas e servizos de promoción de saúde, tamén resultou aprobada

Ourense, 2 de maio de 2025. O grupo municipal socialista conseguíu que se aprobasen na sesión plenaria ordinaria de maio as dúas iniciativas que presentou nesta ocasión no eido do benestar social. A primeira delas –cos votos a favor do BNG e a abstención de PP e DO– para que se poña en marcha unha liña de axudas dende o Concello para as persoas celíacas con menos recursos e a “Rede Ourense sen Glute”, ofrencendo tamén a través da Concellería de Saúde formación e información tanto para a cidadanía como para os e as profesionais da hostalería.

“A dispariedade de prezos entre os produtos con e sen glute chega a alcanzar o 200% máis sobre os segundos. Por poñer un exemplo dun produto básico: o pan sen glute, un alimento que case a totalidade da poboación consume a diario e que 100 gramos de media ten un custe de 1,27€; mentres que se se trata de pan común, con glute, estes 100 gramos custan 0,23€”, destacou a voceira do PSdeG, Natalia González.

“A Xunta de Galicia debe ir máis aló do fomento do comercio e a restauración para as persoas celíacas, que está ben, pero con prezos desorbitados dos produtos sen glute non é unha prioridade ir a restaurantes para as familias, que teñen que pagar case 100€ máis cada mes pola compra por cada celíaco que conviva nese núcleo”, afirmou.

A segunda iniciativa, para elaborar e poñer en marcha unha estratexia que aborde a problemática do senfogarismo, a pobreza enerxética e a carencia alimentaria acadou o respaldo dos grupos da oposición –PP e BNG–. E insta ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome a recuperar e dotar de asignación económica os  programas e servizos de promoción de saúde do Concello de Ourense.

“A preocupación e incomodidade da veciñanza é normal e xustificada en moitas zonas e barrios da nosa cidade. Esta problemática vai máis aló dunha cuestión de control, vixianza e seguridade por parte das administracións e require dunha intervención social colectiva, na que o Concello de Ourense debe e ten que xogar un papel fundamental”, expuxo a voceira dos e das socialistas.

Explicou, nesta liña, durante a súa intervención que consideran imprescindible que se modifique e mellore o regulamento de funcionamento do Fogar do Transeúnte adaptándoo ás novas necesidades existentes. “Na actualidade, esta instalación resulta totalmente insuficiente por desgraza, ademais de contar cun regulamento pendente de actualización para esta nova realidade; e entendemos que convén reformular os criterios de acceso e días de estancia mínima, habilitar o acceso ao mesmo na compaña de animais, a mellora e reforzo da atención interdisciplinar ás persoas usuarias e a supervisión antes, durante e despois do seu paso polas instalacións”, sinalou.

Sobre vivenda

A edil socialista Alba Iglesias lembrou que Ourense, nas últimas décadas, padeceu “un proceso de despoboamento progresivo que se viu agravado pola inacción dos sucesivos gobernos municipais coa falta de rehabilitación e a ausencia de incentivos para recuperar inmobles en mal estado”. E salientou que esta realidade “golpea especialmente á xente nova” e ás persoas maiores cuxas pensións “tampouco chegan” para facer fronte a uns presos de aluguer que van en aumento.

Así as cousas, as e os edís do PSdeG votaron a favor da iniciativa do BNG relativa á adopción de medidas que palíen as actuáis dificultades de acceso á vivenda e que favorezan a emancipación xuvenil no Concello da terceira urbe de Galicia e na que se solicita habilitar unha Oficina Municipal de Emancipación Xuvenil cuxo obxectivo sexa o de asesorar e orientar ás mozas e mozos. “É certo que precisamos esa instalación, pero precisamos antes que nada políticas públicas locais serias de vivenda que sexan efectivas. E hoxe, aquí, non contamos con ninguna”, denunciou.

Financiamento da atención á dependencia

Respecto á moción do PP sobre o financiamento do sistema de atención á dependencia, a socialista María Fernández foi a encargada de argumentar o voto en contra do grupo municipal ao esixir exclusivamente responsabilidade ao respecto ao Executivo central. “Nós asumimos que o Goberno de España ten que promover a mellora das políticas de dependencia. Do mesmo xeito que o ten que facer a Xunta de Galicia dende a súa competencia. Pero coido que traer a este pleno unha iniciativa para instar ao Executivo estatal, neste eido, cando o municipal podería facer moito máis do que fai como Administración máis próxima á veciñanza entendo que non resulta moi útil”, recriminou aos populares.

Apoio aos estudantes

Cristina Cruz, do grupo socialista, reafirmou o compromiso do PSdeG coa ampliación de horarios e espazos de estudo, así como unha mellor e maior frecuencia de transporte público dende o Campus Universitario que xa presentaron nunha iniciativa conxunta con XSG en 2020. “Recoñecemos que faltan lugares públicos accesibles, tranquilos e con horarios amplos e, do mesmo xeito, recoñecemos que o transporte urbano non está coordinado co calendario académico”, admitiu.

“As que fixemos uso das bibliotecas, non hai moito, para preparar as oposicións sabemos o que é chegar á Rosalía de Castro, por exemplo, e non encontrar un sitio libre, o que supón para o noso organigrama de estudo e o estrés que iso conleva”, criticou sobre a carencia patente na cidade, especialmente en épocas de exames.