concellos INICIATIVAS

O PSOE de Punxín insta ao concello á posta en marcha dun obradoiro de emprego

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN INSTA AO BIGOBERNO MUNICIPAL Á POSTA EN MARCHA DUN OBRADOIRO DE EMPREGO DE ALBANELERÍA DESTINADO Á MELLORA DOS LOCAIS SOCIAIS DO CONCELLO

As e os socialistas consideran que un obradoiro destas características permitiría non só mellorar os locais sociais, senón xerar oportunidades de emprego en Punxín

Lorena Peleteiro subliña que con este obradoiro de emprego “daríase solución a dous dos principais problemas que ten Punxín nestes momentos como son desemprego e a falta de conservación do patrimonio”

Punxín, 5 de maio de 2025. O PSdeG-PSOE de Punxín insta ao bigoberno municipal do PP e CxG á posta en marcha dun obradoiro de emprego de albanelería no municipio destinado á mellora dos locais sociais do concello. As e os socialistas consideran que un obradoiro destas características permitiría non só mellorar os locais sociais, senón xerar oportunidades de emprego en Punxín.

Dende o grupo municipal socialista de Punxín teñen claro que o concello “debería ter entre os seus principais obxectivos mellorar a calidade de vida da veciñanza, fomentar a inserción laboral e a formación dos mozos e mozas e desempregadas e desempregados do municipio”. As e os socialistas sinalan que a posta en marcha dun obradoiro de emprego “sería ideal para acadar estes obxectivos” e fan fincapé en que un dos puntos a actuar serían os locais sociais, xa que tal e como apuntan “precisan de melloras nas súas infraestruturas para ofrecer un entorno máis adecuada e agradable para as actividades que neles se desenvolven”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, afirma que a posta en marcha dun obradoiro de emprego de albanelería “permitiría unha dobre función, por un lado empregando a man de obra para renovar os locais sociais, e por outro ofrecendo unha oportunidade de formación e emprego a persoas desempregadas”. Neste senso, a edil socialista subliña que os obradoiros de emprego “son un recurso co que a veciñanza pode beneficiarse e aprender un oficio”.

Para Peleteiro a creación dun obradoiro de emprego “daría solución a dous dos principais problemas que ten Punxín nestes momentos como son desemprego e a falta de conservación do patrimonio”. A concelleira socialista considera que co obradoiro darase resposta a “dous problemas e demandas da veciñanza” e permitirá que as persoas que participen no obradoiro “poñan en valor” o patrimonio municipal e poidan “optar a un posto de traballo fixo, ademais da formación que recibirían en caso de realizarse o obradoiro”.