Concello de Ourense MEDIO AMBIENTE

Urximos medidas, a curto e longo prazo, para combater as altas temperaturas por parte do goberno de Jácome

AS E OS SOCIALISTAS URXEN MEDIDAS, A CURTO E LONGO PRAZO, PARA COMBATER AS ALTAS TEMPERATURAS POR PARTE DO GOBERNO DE JÁCOME

Pese a que a calor non é unha excepción na nosa cidade, o certo é que o rexedor non elaborou nin presentou ningún plan para combatela nos últimos seis anos nin fixo outra cousa que sacar fotos a termómetros por riba dos 40 graos”, sinala a voceira do PSdeG na Administración local, Natalia González

Solicitamos que, ademais, se preste especial atención aos e ás que traballan ao aire libre nas horas centrais do día”, subliña a socialista

Ourense, 7 de agosto de 2025. Logo de varios días de intensa calor e con temperaturas por riba do límite compatible coa saúde, e ante as previsións que sinalan que non haberá un descenso térmico notable próximamente, as e os socialistas do Concello de Ourense esixen ao goberno municipal que se poña a traballar para mitigar os efectos adversos que xa están provocando nas persoas, especialmente en nenos e nenas e maiores.

“Pese a que a calor non é unha excepción na nosa cidade, o certo é que o rexedor non elaborou nin presentou ningún plan para combatela nos últimos seis anos nin fixo outra cousa que sacar fotos a termómetros por riba dos 40 graos”, sinala a voceira do PSdeG na Administración local, Natalia González.

Os datos recollidos ao respecto amosan que Galicia está a rexistrar a meirande parte das mortes por calor de España no mes de agosto e que paliar os efectos devastadores que teñen as altas temperaturas sobre unha poboación altamente avellentada debería ser urxente para o executivo de Gonzalo Pérez Jácome. Neste contexto, e como cada verán, dende o grupo municipal socialista esixen que o goberno local se poña a traballar urxentemente nun plan para evitar os seus estragos.

Esta semana, a Xunta de Galicia elevou o nivel de alerta en varias ocasións pasando do laranxa ao vermello pola calor en gran parte da nosa provincia e suspendeu toda a actividade deportiva ao aire libre no Concello de Ourense o martes e o mércores. “Levamos anos vendo nas súas redes sociais como o rexedor anuncia árbores e piscinas para unha cidade que se espera que supere os 43 graos de temperatura este vindeiro domingo, pero a realidade e que aínda non levou a cabo nin unha cousa nin a outra”, lamenta a portavoz e tamén secretaria xeral do partido na cidade ante a ausencia de iniciativas ao respecto por parte do Concello.

Malia a que as elevadas temperaturas non son unha excepción na cidade, o certo é que o alcalde non elaborou nin presentou un plan para combatelas nos últimos cinco anos. Mais tampouco se puxeron en marcha ningunha das opcións que dende o PSOE se propuxeron, como que se dea atención específica –por parte de Protección Civil e Servizos Sociais– para aquelas persoas sen teito que viven nas rúas, ou mesmo nos parques ou zonas de afluencia, proporcionando auga, outros refrixerios ou froitas para evitar deshidratacións na poboación de maior e idade.

Así as cousas, dende o grupo municipal socialista esixen ao goberno local que trace un plan para este verán, a curto prazo pero tamén a longo prazo para os próximos anos, atendendo ás características etarias dos ourensáns e ourensás e tendo en conta que a calor excesiva non só supón máis falecementos, senón que as persoas tamén ven agravadas as súas patoloxías por estrés térmico. “Solicitamos que, ademais, se preste especial atención aos e ás que traballan ao aire libre nas horas centrais do día”, remata a socialista.