PSdeG rural SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Denunciamos que a Xunta exclúe a Ourense do Fondo de Compensación Interterritorial

O PSDEG DE OURENSE DENUNCIA QUE A XUNTA DE GALICIA NON DESTINOU “NIN UN SÓ EURO” DO FONDO DE COMPENSACIÓN INTERTERRITORIAL Á PROVINCIA “QUE MÁIS O NECESITA”

Resulta escandaloso que a Xunta de Galicia esté a deixar a Ourense fóra do principal instrumento estatal para corrixir os desequilibrios territoriais, segundo amosan os datos do Consello de Contas”, advertiu a deputada Carmen Rodríguez Dacosta

Ourense non pode seguir sendo discriminada. O rural galego non pode seguir sendo abandonado. E moito menos cando hai fondos dispoñibles que se deixan sen executar por incompetencia, falta de vontade ou estratexia partidista”, engadiu

Ourense, 8 de agoso de 2025. A deputada no Parlamento de Galicia Carmen Rodríguez Dacosta; o secretario provincial do PSdeG, Álvaro Vila Araújo; e a secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González Benéitez, ofreceron unha rolda de prensa para denunciar que o goberno autonómico do PP na Xunta está a deixar fora á provincia de Ourense do principal instrumento estatal para corrixir os desequilibrios e desigualdades territoriais.

“A última afrenta do executivo autonómico con respecto á nosa provincia é deixala excluída do Fondo de Compensación Interterritorial”, comezou explicando Álvaro Vila Araújo, ante os medios de comunicación, ao respecto dunha ferramenta que debe servir para poñer a disposición dos concellos que máis o precisan cartos públicos que se invistan en corrixir desigualdades. “Debemos esixir á Xunta que rectifique a súa xestión ineficiente destes fondos e estableza criterios claros e transparentes que garantan que ningunha provincia quede excluída do reparto de recursos”, especificou.

Ademais, reivindicou que o goberno de Rueda actualice o fondo de cooperación local, que leva 15 anos conxelado e sen incrementarse, para adaptalo ás necesidades específicas dos municipios ourensáns “garantindo a súa viabilidade” para prestar “servizos de calidade á veciñanza”.

“Resulta escandaloso que a Xunta de Galicia esté a deixar a Ourense fóra do principal instrumento estatal para corrixir os desequilibrios territoriais, segundo amosan os datos do Consello de Contas”, continuou expoñendo Carmen Rodríguez Dacosta que cualificou o modelo do PP como de “inxusto, opaco e discrecional”.

Neste senso, advertiu de que o Fondo de Compensación Interterritorial é un mecanismo, previsto na Constitución, a través do cal oEstado distribúe os fondos ás comunidades autónomas segundo criterios obxectivos —como poboación, superficie ou singularidades xeográficas— para que, despois, os executivos autonómicos decidan onde e en que se invisten ditos fondos. “Aquí está o problema: non existen criterios públicos de reparto entre provincias. Non hai transparencia. Non hai participación dos concellos. E non hai equidade”, insistiu a socialista.

Os datos amosan que, en 2022, o 95% dos cartos destináronse á provincia de Pontevedra. “Ourense, xunto con Lugo, quedou non recibiu nin un só euro. Nada. Nin un só proxecto para a nosa provincia”, denunciou.

Todo elo, sinalan as e os soialistas, a pesares de que Ourense é a provincia galega máis castigada pola perda de poboación, cunha das maiores taxas de envellecemento de toda Europa, con menos nivel de renda per cápita e con maior índice de risgo de pobreza. “Conta cunha importante porcentaxe de concellos rurais e de montaña, con enormes necesidades de mellora de infraestruturas, servizos básicos e conectividade. Se hai unha provincia que encaixa no espírito do FCI, esa é a nosa. Pero a Xunta nos da as costas unha e outra vez”, incidiu.

Finalmente, lembraron que en 2022 Galicia tiña dispoñibles 102,5 millóns de euros deste fondo e que o goberno galego executou menos do 50 % dos cartos, quedando máis de 50 millóns de euros sen usar, que pasaron ao seguinte exercicio e que non exoste previsión ou garantía de que se destinen ás provincias máis esquecidas como Ourense.

“Non podemos permitir que a principal ferramenta do Estado para garantir a cohesión territorial non chegue precisamente ás provincias que máis o necesitan. Ourense non pode seguir sendo discriminada. O rural galego non pode seguir sendo abandonado. E moito menos cando hai fondos dispoñibles que se deixan sen executar por incompetencia, falta de vontade ou estratexia partidista”, rematou contundente a deputada do PSdeG.