concellos POLÍTICA PROVINCIAL

Aprobamos os orzamentos no Concello de Maceda tras anos de bloqueo

A alcaldesa, Uxía Oviedo, destaca que a aprobación era «moi urxente» para resolver «graves dificultades para pagar aos traballadores do concello» e evitar problemas con provedores.

A rexedora socialista explica como municipio vivía unha situación insostible cunhas contas prorrogadas desde 2022 que neste curso deixaban unha diferenza de 550.000 euros coas necesidades reais.

Os orzamentos apróbanse grazas ao voto do PSdeG-PSOE e do BNG tras chegar a un acordo entre socios de goberno, nun pleno ao que asistiu o secretario provincial socialista Álvaro Vila.

Maceda, 8 de agosto de 2025. O Concello de Maceda aprobou este xoves nun pleno extraordinario os orzamentos municipais para 2025, poñendo fin a tres anos consecutivos de contas prorrogadas, desde 2022. A sesión, convocada con urxencia e cun único punto na orde do día, contou coa presenza entre o público do secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, denotando a importancia política do momento para o concello ourensán.

A alcaldesa Uxía Oviedo explicou durante o debate que «a pesar de estar no 2025, estamos traballando con orzamentos do 2022, que viñeron sendo prorrogados até o de agora», xerando unha situación a resolver «de xeito moi urxente». A rexedora socialista sinalou que a diferenza entre as contas prorrogadas e as necesidades reais do concello ascende a «uns 550.000 euros máis ou menos», evidenciando a incongruencia da situación.

«En definitiva, era fundamental e moi urxente a súa aprobación para non bloquear, que todo funcione correctamente, sen problemas para pagar nóminas, provedores e que Maceda poida seguir funcionando», subliñou Oviedo durante a súa intervención. A alcaldesa quixo deixar claro que «malia as críticas, para que a veciñanza sexa consciente, o concello segue a prestar e nunca deixou de atender todos os servizos básicos aos cidadáns».

Problemas de liquidez nos últimos anos

A rexedora debullou por capítulos a situación financeira que xustificaba a urxencia da aprobación orzamentaria. No capítulo de gastos de persoal, «estamos falando dun orzamento prorrogado de 1.555.000 euros de gasto e para este ano tiñamos previstos 1.766.000 euros», unha diferenza que provocaba o «primeiro problema: graves dificultades para pagar aos traballadores do Concello». As contas inclúen ademais «un 2% de marxe por se houbera unha suba salarial aprobada por parte do Estado».

Nos gastos correntes, a situación era igualmente preocupante. «Tiñamos un gasto de 675.000 euros aproximadamente e para este ano previamos 798.000 euros», explicou a alcaldesa, destacando que «tampouco había partida suficiente para facer fronte ao pagamento aos provedores». Esta situación obrigou ao concello nos últimos anos a recorrer de forma sistemática ao financiamento externo para cumprir coas súas obrigas de pagamento.

«Nos últimos tres anos o concello tivo que adherirse a préstamos ICO do ministerio para pago a provedores», revelou Oviedo. En 2022 e 2023 «o concello estivo obrigado a adherirse a estes plans de pagamento, un plan de axuste que tivo que ser actualizado». En 2024, «aínda que non era obrigatorio, con facturas pendentes houbo que adherirse a un novo préstamo, que ascendeu a 449.000 euros», explicou a alcaldesa para dar conta da magnitude do problema de liquidez que atravesaba a administración municipal.

Plan CooperOu, determinante para os investimentos

Malia as dificultades financeiras, a alcaldesa destacou que o concello mantén a súa capacidade de investimento grazas ao apoio supramunicipal. «Os investimentos reais previstos en 350.000 euros non serían posibles sen as subvencións que chegan a través da Deputación e da Xunta de Galicia», explicou Oviedo.

A rexedora puxo especial énfase no papel do Plan CooperOu da Deputación de Ourense que se aprobou durante este mandato «grazas ao traballo do PSdeG-PSOE na corporación provincial, sendo o que realmente nos permite aos concellos pequenos desenvolver investimentos para as nosas necesidades e urxencias básicas».

A alcaldesa aproveitou a ocasión para facer un chamamento institucional á Xunta de Galicia, pedindo «mudar o xeito de traballar cos concellos, que non pode ser unha competición entre concellos veciños polos recursos escasos».

Acordo entre os socios de goberno

A aprobación dos orzamentos foi posible grazas ao acordo alcanzado entre PSdeG-PSOE e BNG tras as conversacións mantidas durante a semana. «Esta semana, como saíu na prensa, tívose unha reunión co BNG para facer fincapé na necesidade de aprobar estes orzamentos», explicou a alcaldesa. Oviedo confirmou que «este acordo inclúe o compromiso para empezar a traballar o antes posible nas contas de 2026».

A rexedora avanzou que o proceso de elaboración dos próximos orzamentos comezará despois do verán. «Os orzamentos abertos levan o seu tempo, polo cal non podemos garantir unha data», explicou, pero «unha vez pase o verán empezaremos cos traballos, a finais de setembro e principios de outubro». O obxectivo é evitar que se repita a situación de provisionalidade que caracterizou os últimos tres exercicios.