O PSDEG-PSOE DE OURENSE VOLVE REITERAR A NECESIDADE DE QUE OURENSE CONTE CUNHA UNIDADE INTEGRAL DE ICTUS NO CHUO E QUE SE MELLORE O TRANSPORTE SANITARIA “URXENTE” DOS PACIENTES CON SOSPEITA DE ICTUS
“Ourense continúa a ser a única provincia galega que non dispón dunha unidade integral de ictus operativa as 24 horas do día e os 365 días do ano, o que obriga a derivar a pacientes con ictus graves cara o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo”, destacan as e os socialistas
Carmen Rodríguez Dacosta lembra que “o PP votou a favor no seu día, pero non é responsable a hora de cumprir os acordos e vemos como Rueda segue dándolle as costas a Ourense nun tema tan crucial para a provincia máis envellecida de Galicia”
“Se a Xunta e o PP non recollen unha partida económica nos orzamentos de 2026, nós imos impulsar unha emenda para que esa unidade acadada no pasado se traduza nunha realidade coa posta en marcha da unidade integral de ictus”, afirma Natalia González
Ourense, 13 de outubro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense continúa a impulsar a creación dunha unidade integral de ictus no Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO), así como a reclamar ao Sergas a mellora do transporte sanitario urxente dos pacientes con sospeita de ictus. As e os socialistas sinalan que “a diferencia entre contar ou non con esta unidade integral e especializada pode ser vivir ou morrer”.
Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá na sede do partido en Ourense e na que estiveron presentes a deputada no Parlamento de Galicia e vicesecretaria da Executiva Provincial, Carmen Rodríguez Dacosta; e a secretaria da Agrupación Local da cidade e voceira do grupo municipal socialista no Concello, Natalia González Beneitez, anunciouse a presentación dunha batería de iniciativas no Parlamento para que Ourense e o CHUO conten dunha vez por todas con esta unidade integral de ictus.
“Ourense continúa a ser a única provincia galega que non dispón dunha unidade integral de ictus operativa as 24 horas do día e os 365 días do ano, o que obriga a derivar a pacientes con ictus graves cara o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para a realización de trombectomías mecánicas e outros procedementos de neurorradioloxía intervencionista”, subliñan as e os socialistas. Ademais, tal e como explican “a loxística de transporte medicalizado dos pacientes, a pesar de activar o código ictus, segue sen funcionar correctamente, producíndose frecuentes retraso no traslado de pacientes”.





A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, apuntou durante a súa intervención que Ourense, coa poboación máis envellecida de Galicia e do territorio nacional, “non pode seguir sen unha unidade integral de ictus funcionando tódolos días do ano”, xa que tal e como indica “cada minuto nesta enfermidade conta para evitar a morte ou secuelas que conleven unha discapacidade”. Asemade a parlamentaria socialista subliña que “seguimos sen un cronograma para a implantación desta unidade integral” e afirma que “pedimos equidade sanitaria co resto de provincias galegas e que os ourensáns e as ourensás teñan as mesmas condicións que o resto de galegos e galegas”.
Dacosta lembrou que xa no seu momento, o PSOE ourensán presentou iniciativas tanto no Parlamento de Galicia, como na Deputación e no Concello de Ourense, que foron aprobadas por unanimidade. “O PP votou a favor no seu día, pero non é responsable a hora de cumprir os acordos e vemos como Rueda segue dándolle as costas a Ourense nun tema tan crucial para a provincia máis envellecida de Galicia”, destacou. Neste senso tamén afirmou que “dende o PSdeG-PSOE de Ourense solicitamos que xa nestes orzamentos que se van presentar para o 2026, se teña en conta toda a dotación que se precisa para a unidade integral de ictus do CHUO”.
A secretaria xeral da Agrupación Local da cidade de Ourense e voceira do grupo municipal socialista, Natalia González Beneitez, lembrou que “no PSOE levamos xa máis de 5 anos traballando nese impulso definitivo e económico para que Ourense conte con esta unidade integral para a atención dos pacientes con ictus”. Asemade tamén subliñou que “a pesar das iniciativas presentadas no Concello, na Deputación e no Parlamento e que suscitaron unidade, seguimos agardando pola posta en marcha deste servizo”.
González Beneitez tamén fixo fincapé en que “se a Xunta e o PP non recollen unha partida económica nos orzamentos de 2026, nós imos impulsar unha emenda para que esa unidade acadada no pasado se traduza nunha realidade”. Neste senso subliñou que “Ourense é a gran esquecida de Galicia en materia sanitaria e a provincia que máis precisa investimentos sanitarios” e finalizou afirmando que “para nós a sanidade pública e universal é un dereito innegociable e seguiremos traballando para conseguir melloras”.
Peticións do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento:
1. Dotar á provincia de Ourense dunha Unidade Integral de Ictus plenamente operativa, ubicada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que funcione as 24 horas do día, todos os días do ano.
2. Garantir a cobertura completa de recursos humanos, incluíndo persoal de neurorradioloxía intervencionista, enfermaría especializada e técnicos sanitarios, con quendas e gardas suficientes para o funcionamento continuo.
3. Equipar a unidade cos medios materiais precisos, como acondicionamento de la sala de radioloxía intervencionista, RM de urxencia e dotación tecnolóxica avanzada para a realización de trombectomías mecánicas no propio centro hospitalario.
4. Asignar as partidas orzamentarias necesarias, para a execución do proxecto, garantindo que figuren nos próximos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma.
5. Presentar no Parlamento de Galicia, nun prazo máximo de seis meses, un plan detallado de implantación da Unidade Integral de Ictus de Ourense, que inclúa calendario de execución, previsión de recursos humanos e materiais, e estimación de carga asistencial.
6. Integrar a unidade no Plan Galego de Atención ao Ictus, asegurando el transporte medicalizado nos tempos necesarios nesta patoloxía trala activación do código ictus, a coordinación efectiva co 061, coa atención primaria e co resto de hospitais do Servizo Galego de Saúde.
7. Remitir anualmente ao Parlamento un informe público de avaliación sobre a actividade, resultados asistenciais, número de casos atendidos, tempos de resposta, taxas de recuperación e derivacións evitadas.
8. Impulsar programas de formación, docencia e investigación no ámbito da patoloxía cerebro vascular no CHUO, en colaboración coa Universidade de Vigo, USC e noutras entidades científicas, co obxectivo de consolidar en Ourense un centro de referencia en atención neurolóxica e prevención do ictus.

