Denuncias Parlamento de Galicia POLÍTICA PROVINCIAL Sanidade

Denunciamos a precariedade do Hospital Comarcal de Valdeorras

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA A “PRECARIEDADE” DE MEDIOS MATERIAIS E HUMANOS NO HOSPITAL DE VALDEORRAS TRAS QUEDAR INOPERATIVA A INCUBADORA DE TRASLADO NEONATAL

As e os socialistas consideran de “extrema gravidade” a situación, xa que tal e como apuntan este equipamento sanitario “é fundamental para garantir a seguridade dos recentemente nados que precisen ser derivados ao CHUO ou a outro centro de referencia”

Dende o PSOE provincial e comarcal poñen de manifesto que esta “é unha mostra máis do calvario que está vivindo un Hospital Comarcal, que leva anos sufrindo recortes, o desmantelamento de servizos e a falla de investimentos”

“Resulta urxente que a Xunta de Galicia, a través do Sergas, repoña inmediatamente a incubadora de traslado, restableza o servizo con normalidade e garanta que situacións coma esta non se volvan repetir”, apunta a deputada socialista, Carmen Rodríguez Dacosta

O Barco, 11 de novembro do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a “precariedade” de medios materiais e humanos no Hospital Comarcal de Valdeorras, despois de ter coñecemento que a incubadora de traslado neonatal quedou inoperativa nos últimos días por mor dunha avaría. As e os socialistas consideran de “extrema gravidade” a situación, xa que tal e como apuntan este equipamento sanitario “é fundamental para garantir a seguridade dos recentemente nados que precisen ser derivados ao Complexo Hospitalario de Ourense ou a outro centro de referencia”.

Dende o PSOE provincial e comarcal poñen de manifesto que esta “é unha mostra máis do calvario que está vivindo un Hospital Comarcal, que leva anos sufrindo recortes, o desmantelamento de servizos e a falla de investimentos”. As e os socialistas afirman que o centro, que atende a unha poboación dispersa e de numerosos concellos da comarca de Valdeorras ou Viana “non pode quedar sen servizo de partos, nin sen medios para garantir a atención neonatal básica”.

“Trátase dunha cuestión de dereitos sanitarios e de igualdade territorial”, subliñan dende o PSdeG-PSOE de Ourense, antes de apuntar que “as mulleres do oriente ourensán teñen o mesmo dereito que as de calquera outro punto de Galicia para dar a luz con seguridade e dignidade, no seu hospital de referencia e con garantías asistenciais”.

Iniciativas no Parlamento de Galicia

O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da súa deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de presentar unha batería de iniciativas para que o Goberno galego dea conta da situación. A parlamentaria socialista insta á Xunta a adoptar, con carácter inmediato, as medidas necesarias para repoñer ou substituír a incubadora de traslado neonatal do Hospital Comarcal de Valdeorras, “garantindo deste xeito a seguridade e continuidade da atención aos partos”.

“Tamén pedimos que se restableza de forma urxente a actividade asistencial do servizo de partos do hospital, asegurando que ningunha muller teña que ser derivada ao CHUO por falta de medios”, subliña Rodríguez Dacosta. Asemade tamén piden que se reforcen os recursos humanos e materiais do hospital “garantindo a continuidade e calidade de tódolos seus servizo, e en particular, dos servizos de pediatría, obstetricia e urxencias”.

“Resulta urxente que a Xunta de Galicia, a través do Sergas, repoña inmediatamente a incubadora de traslado, restableza o servizo con normalidade e garanta que situacións coma esta non se volvan repetir”, apunta a parlamentaria socialista.

Segundo informacións contrastadas, a avaría da incubadora fixo que o servizo de pediatría se negase a asumir partos no hospital, ante a imposibilidade de garantir a atención segura a un neonato que requira traslado urxente. Así, as mulleres embarazadas da comarca foron derivadas a Ourense para dar a luz, o que na práctica supón a suspensión temporal da atención aos partos en Valdeorras, cun grave impacto asistencial e emocional para as familias e para o conxunto da poboación da comarca.

O persoal sanitario do propio hospital tería informado ás pacientes de que a incubadora é antiga, non ten reparación posible e que se solicitou substitución ou préstamo a outros hospitais do Sergas, sen obter resposta positiva. Pola súa banda, segundo outras fontes, o CHUO podería facilitar o traslado dunha incubadora nunha ambulancia en caso de necesidade, “o que evidencia unha falla de coordinación e planificación por parte do Sergas”, finaliza Rodríguez Dacosta.