concellos INICIATIVAS

O PSOE da Merca impulsa a creación dun centro de día

O PSOE DA MERCA IMPULSA A CREACIÓN DUN CENTRO DE DÍA NO ANTIGO CENTRO DE SAÚDE PARA A ATENCIÓN DAS PERSOAS MAIORES E POR FIN A CARENCIA DESTA INFRAESTRUTURA NO MUNICIPIO

Afirman que o antigo centro de saúde “cumpre unha serie de requisitos básicos como a súa localización, céntrica e accesible, as boas conexións de transporte, unhas dimensións suficientes para albergar salas de terapia, comedores e despachos e unha estrutura adaptable para cumprir a normativa de accesibilidade e seguridade”

Carlos Sousa considera que A Merca “precisa dun recurso esencial como un centro de día, que proporcionará atención integral durante o día as persoas maiores que presentan algún grado de dependencia física ou cognitiva, pero que non requiren de internamento”

Fai fincapé en que o aproveitamento do antigo centro de saúde “evitaría longos prazos de agarda e os altos costes asociados a construción dun novo edificio, permitindo unha posta en marcha do servizo nun tempo moito menor”

A Merca, 12 de novembro do 2025. O PSdeG-PSOE da Merca vén de presentar unha moción para o seu debate en sesión plenaria co obxectivo de impulsar a creación dun centro de día para persoas maiores na infraestrutura do antigo centro de saúde do municipio. As e os socialistas sinalan que o concello “carece a día de hoxe dunha infraestrutura adecuada para atender as necesidades da veciñanza de maior idade”.

Dende o grupo municipal socialista na Merca consideran que o edificio do antigo centro de saúde, de propiedade municipal e que actualmente se atopa en “desuso”, sería a instalación idónea para acoller o centro de día, xa que tal e como apuntan “podería ser reorientado para acoller esta infraestrutura e adaptado dunha forma eficiente”. Neste senso afirman que o antigo centro de saúde “cumpre unha serie de requisitos básicos como a súa localización, céntrica e accesible, as boas conexións de transporte, unhas dimensións suficientes para albergar salas de terapia, comedores e despachos, unha estrutura adaptable para cumprir a normativa de accesibilidade e seguridade para as persoas maiores e daríaselle un aproveitamento a dita infraestrutura”.

O voceiro do PSdeG-PSOE na Merca, Carlos Sousa, considera que A Merca “precisa dun recurso esencial como un centro de día, que proporcionará atención integral durante o día as persoas maiores que presentan algún grado de dependencia física ou cognitiva, pero que non requiren de internamento”. O edil subliña que o municipio “precisa con urxencia dun centro destas características que ofreza terapias de estimulación, actividades socio-culturais e servicios asistencias”, xa que deste xeito e tal e como apunta “favoreceremos a socialización, combateremos a soidade non desexada e garantiremos o apoio e a conciliación familiar as persoas coidadoras”.

Sobre o antigo centro de saúde, Sousa ten claro que “representa a opción máis rápida, eficiente e económica para dar resposta urxente a esta necesidade social”. Asemade fai fincapé en que o aproveitamento desta infraestrutura “evitaría longos prazos de agarda e os altos costes asociados a construción dun novo edificio, permitindo unha posta en marcha do servizo nun tempo moito menor”.

O PSdeG-PSOE da Merca explica que o envellecemos da poboación na Merca “e unha realidade demográfica consolidada no municipio” e apunta a que o colectivo de persoas maiores de 65 anos “representa na actualidade unha porcentaxe de máis do 60% da veciñanza, unha cifra que segue unha tendencia ao alza”. Unha situación que tal e como sinalan “xera unha crecente demanda dos servizos sociais especializados, que permitan aos nosos maiores manter a súa autonomía e calidade de vida, a vez que ofrecen un respiro e apoio as súas familias coidadoras”.

Puntos de acordo da moción

PRIMEIRO. Declarar a creación dun centro de día para persoas maiores como prioridade estratéxica do concello en materia de servizos sociais.

SEGUNDO. Instar á alcaldía-presidencia a iniciar de maneira inmediata a avaliación técnica e económica da viabilidade de adaptar o edificio do antigo centro de saúde para a súa reconversión en centro de día.

TERCEIRO. Elaborar un plan preliminar de adaptación e financiación que contemple:

–      Un estudo das obras de reforma e accesibilidade necesarias.

–      A estimación do coste total e o número de prazas que se poderían ofrecer.

–      A solicitude de subvencións e financiamento doutras administracións (Goberno Autonómico, Deputación ou fondos europeos) para a cofinanciación da adaptación e xestión do futuro centro.

CUARTO. Crear unha comisión de traballo interdisciplinar, coa participación de técnicos municipais de urbanismo, servizos sociais e facenda, así como representantes dos grupos políticos, para monitorizar e axilizar os trámites necesarios para a posta en marcha do proxecto.QUINTO. Dar traslado deste acordo á consellería autonómica competente en servizos sociais para informar da iniciativa municipal e solicitar a súa colaboración técnica e económica no desenvolvemento do proxecto.