Concello de Ourense FONDOS PÚBLICOS GOBERNO ESTATAL

Esiximos a dimisión de Jácome e os concelleiros responsables da perda de máis de 1 millón de € de fondos do Estado

AS SOCIALISTAS DE OURENSE DENUNCIAN QUE O GOBERNO MUNICIPAL XOGA COS FONDOS PÚBLICOS E OBRIGA A OURENSE A VIVIR AO LÍMITE

As Socialistas esixen a comparecencia pública e urxente dos responsables políticos cun informe técnico e política detallado sobre o estado real dos fondos estatais

Ourense, 31 de xaneiro do 2026. A situación xerada arredor de varios expedientes vinculados a fondos estatais destinados a investimentos estratéxicos para a cidade evidencia unha grave falta de planificación, control e responsabilidade política por parte do goberno municipal.

Actuacións xa executadas materialmente chegaron a un pleno extraordinario e urxente nun contexto límite, marcado por discrepancias técnicas de enorme relevancia entre órganos municipais e pola ausencia dunha información clara, rigorosa e transparente sobre o estado real da xustificación dos fondos.

“Non estamos ante un problema sobrevido nin inevitable. Estamos ante o resultado directo dunha xestión política deficiente, que conduce á cidade ao bordo da perda de fondos públicos esenciais para investimentos que xa están feitos e que responden ao interese xeral“ subliña contundente a voceira socialista, Natalia González.

A convocatoria dun pleno nestas condicións, sen explicacións previas nin un informe completo posto a disposición dos grupos municipais, non pode servir para agochar responsabilidades nin para normalizar a improvisación como forma de goberno.

Por todo isto, as socialistas esixen a comparecencia urxente do goberno municipal, coa presentación dun informe técnico e político exhaustivo, que dea resposta clara e documentada, cando menos, ás seguintes cuestións:

   •    desglose da situación actual dos investimentos afectados a subvencions: estado de execucion, pago e xustificacion 

  • estado exacto de cada un dos fondos estatais afectados.

   •    Os prazos de execución e de xustificación, e en que momento se produciron os incumprimentos.

   •    As decisións políticas adoptadas ao longo do proceso e quen asumiu esas decisións.

   •    O risco económico real para o Concello e para a cidadanía no caso de perda total ou parcial dos fondos.

   •    As medidas correctoras inmediatas e estruturais que se van adoptar para evitar que unha situación semellante volva producirse.

A xestión dos fondos públicos non pode seguir baseándose na improvisación, na opacidade nin na falta de previsión. O que está en xogo non é un expediente máis, senón diñeiro público, credibilidade institucional e respecto pola cidadanía.

As explicacións chegan tarde, pero son obrigatorias.

E as responsabilidades políticas, inevitables.