O PSDEG PRESENTA INICIATIVAS PARA QUE A XUNTA PROCEDA DE MANEIRA “INMEDIATA” Á COBERTURA “EFECTIVA” DA PRAZA DE ENFERMERÍA DO CENTRO DE SAÚDE DE LEIRO
Subliñan que “é imprescindible que se garanta unha dereito básico da cidadanía como a sanidade e as condicións dignas ao persoal sanitario” e apuntan que o centro de saúde de Leiro “necesita profesionais e unha cobertura inmediata da praza de enfermería dotada”
Carmen R. Dacosta destaca que “estamos falando dun centro de saúde que atende a 1.387 persoas, cunha poboación claramente envellecida e cunha elevada prevalecina de enfermidades crónicas”
“As consecuencias deste desleixo por parte do goberno galego son máis que evidentes, cunha sobrecarga laboral continuada, dificultade para garantir unha atención axeitada e unha perda real de calidade asistencial”, explica
Dacosta pon o foco no concello de Leiro, que como titular do inmoble, “ten a obriga de garantir unhas instalacións axeitadas, pero non o fai, e a xerencia do distrito sanitario de Ourense tampouco llo esixe, nin busca solucións para resolver esta situación”
Leiro, 4 de febreiro do 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense presenta no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para que a Xunta proceda de maneira “inmediata” á cobertura “efectiva” da praza de enfermería do centro de saúde de Leiro, que actualmente segue sen cubrir, garantindo, deste xeito, a presenza de dúas profesionais de enfermería de forma “estable”. As e os socialistas subliñan que “é imprescindible que se garanta unha dereito básico da cidadanía como a sanidade e as condicións dignas ao persoal sanitario” e apuntan que o centro de saúde de Leiro “necesita profesionais e unha cobertura inmediata da praza de enfermería dotada”.
A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, defenderá este xoves un conxunto de iniciativas orientadas a que o centro de saúde de Leito pase a contar cunha segunda profesional de enfermería, praza que xa foi dotada no seu momento. A parlamentaria socialista destaca que “estamos falando dun centro de saúde que atende a 1.387 persoas, cunha poboación claramente envellecida e cunha elevada prevalecina de enfermidades crónicas”.
Tal e como explica Rodríguez Dacosta, o centro de saúde de Leiro “funciona cunha soa profesional de enfermería, pese a existir unha segunda praza creada, pero que non está cuberta”. Neste senso cabe lembrar que esta carencia estrutural, xa foi denunciada fai anos pola comisión de centro de atención primaria do distrito de Ourense, que conseguiron que se dotase ao centro de saúde desa segunda praza, pero tal e como apunta a deputada socialista “a praza segue sen cubrirse”.
“As consecuencias deste desleixo por parte do goberno galego son máis que evidentes, cunha sobrecarga laboral continuada, dificultade para garantir unha atención axeitada e unha perda real de calidade asistencial”, explica Dacosta, que tamén apunta que “non estamos falando de percepcións, senón dunha realidade obxectiva que afecta tanto ao persoal como á poboación atendida”.
As e os socialistas tamén poñen o foco nas instalacións, xa que tal e como indican “actualmente hai unha grave carencia, ante a ausencia dunha segunda consulta de enfermería no centro de saúde de Leiro que impide o exercicio efectivo da praza creada”. Neste senso, Carmen Rodríguez Dacosta pon o foco no concello de Leiro, que como titular do inmoble, “ten a obriga de garantir unhas instalacións axeitadas, pero non o fai, e a xerencia do distrito sanitario de Ourense tampouco llo esixe, nin busca solucións para resolver esta situación”. Neste senso, a parlamentaria socialista pide que Xunta e concello “realicen actuacións coordinadas para que o centro conte cos espazos necesarios e preste unha correcta actividade asistencial”.
Na batería de iniciativas presentadas polas socialistas tamén se reclama que “se resolva a cuestión nun prazo razoable, que non se eternice no tempo e que se establezan uns prazos claros para a cobertura da praza e a adecuación das instalacións”. Asemade tamén instan á Xunta que informe ao Parlamento das actuacións realizadas, xa que tal e como apuntan “non se trata de burocracia, senón de transparencia e rendición de contas”.

