O PSdeG denuncia o desmantelamento da Xunta coa Unidade de paliativos do CHUO e reclaman un aumento inmediato de personal especializado
Os socialistas de Ourense rexistran unha batería de iniciativas para garantir a “dignidade” e o reforzo da Unidade de Paliativos do CHUO
A deputada Carmen Dacosta advirte que «o final da vida debe ser un proceso digno, con todas as garantías médicas e un acompañamento humano e psicolóxico integral»
En Ourense, a 4 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense anunciou hoxe a presentación dunha serie de iniciativas parlamentarias no Pazo do Hórreo co obxectivo de «blindar e reforzar» a Unidade de Paliativos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Os socialistas denunciando desmantelamento e a falta de recursos están a poñer en risco a calidade asistencial nun momento de máxima vulnerabilidade para os pacientes e as súas familias.
A deputada ourensá, Carmen Dacosta, subliñou que «a dignidade no final da vida non pode ser unha cuestión de códigos postais nin de orzamentos recortados». Dacosta sinalou que a provincia de Ourense, coa súa pirámide poboacional altamente envellecida, require dunha estratexia de coidados paliativos «robusta, humana e dotada de medios suficientes», algo que, segundo os socialistas, a Xunta de Galicia está a desatender e ante esto pregúntanse “Cal é a fórmula máxica da Xunta para que paliativos pasase de ser unha unidade pioneira con lista de agarda de camas a contar neste momento con 0 doentes”.
Demandas concretas e un dereito fundamental
As iniciativas rexistradas polo grupo socialista inclúen os seguintes puntos clave:
- Incremento de persoal: Contratación urxente de máis profesionais de enfermaría, medicina especializada e auxiliares para reducir a carga de traballo e garantir unha atención individualizada.
- Apoio psicolóxico e social: Reforzo dos equipos de psicoloxía clínica e traballo social, esenciais para o soporte emocional tanto do paciente como da contorna familiar.
- Mellora de infraestruturas: Adecuación dos espazos físicos na unidade para garantir a intimidade, o confort e un ambiente axeitado para o descanso.
Desde o PSdeG-PSOE lembran que os coidados paliativos non son un «privilexio», senón un dereito recollido na normativa sanitaria. «Estamos a falar de aliviar o sufrimento. A Xunta non pode seguir mirando para outro lado mentres os profesionais da unidade fan esforzos heroicos sen os medios necesarios», denunciou Dacosta.
Os socialistas instan ao goberno galego a que acepte estas propostas e que se realice unha auditoría técnica sobre as necesidades reais da Unidade de Paliativos do CHUO para evitar o colapso do servizo nun futuro próximo.
«O compromiso coa sanidade pública demóstrase con feitos e orzamentos, non con promesas baleiras mentres a xente máis vulnerable sofre as consecuencias dos recortes», concluíron.

