concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás logra apoios para impulsar unha contorna escolar segura e melloras nas piscinas municipais

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS LOGRA O APOIO DO PLENO PARA IMPULSAR UNHA CONTORNA ESCOLAR SEN TRÁFICO NA RÚA DO ENSINO E MELLORAS NAS PISCINAS MUNICIPAIS

A moción para a creación dunha contorna segura na rúa do Ensino foi aprobada cos votos do PSdeG e BNG e abstención do resto de forzas políticas, namentres que a iniciativa para a mellora das piscinas contou coa unanimidade do pleno

Dende o grupo municipal socialista poñen en valor a “política construtiva” levada a cabo polas concelleiras socialistas con estas dúas mocións de “especial relevancia para a veciñanza”

Marga Pérez sinalou que “temos que seguir traballando nesta liña, para que Barbadás continúe avanzando en materia de seguridade viaria e mellorando a contorna dos centros de ensino para as nosas crianzas”

Noemí Pintos subliñou que “é de vital importancia que o goberno municipal  continúe a liña de traballo artellada polo PSOE cando formaba parte do goberno local para converter Barbadás nun lugar atractivo para a veciñanza e para as persoas visitantes, que beneficien ao comercio local e a hostalaría”

Barbadás, 3 de marzo de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás acadou o apoio do pleno municipal nas dúas mocións presentadas polas socialistas no día de onte. A moción para a creación dunha contorna escolar sen tráfico na rúa do Ensino foi aprobada cos votos a favor de PSdeG e BNG e abstención do resto de forzas políticas. A moción sobre a mellora nas piscinas municipais e na contorna contou coa unanimidade de tódolos grupos políticos.

Dende o grupo municipal socialista poñen en valor a “política construtiva” levada a cabo polas concelleiras socialistas con estas dúas mocións de “especial relevancia para a veciñanza”. As socialistas congratúlanse de ter acadado os apoios necesarios para que estas iniciativas saian adiante e poñen o foco en que “o traballo realizado ao longo dos últimos anos dende o goberno municipal, segue agora dende a oposición, con iniciativas pensadas para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

No relativo a moción para a creación dunha contorna escolar segura e sen tráfico na rúa do ensino, a concelleira socialista, Marga Pérez Fernández, sinalou que esta iniciativa “sería o colofón da rúa Catalina e unha medida para que as crianzas tomaran as rúas para desfrutar dun espazo amable, amigable e seguro”. A edil expuxo durante a súa intervención que nesta rúa “concéntranse concéntranse varios equipamentos públicos de especial sensibilidade, como son o colexio de infantil e primaria CEIP Filomena Dato, con preto de 300 escolares, unha escola infantil municipal a que acoden 90 crianzas, un centro de reunión de persoas maiores, a escola de música municipal, as instalacións do banco solidario e a oficina da policía local”.

Marga Pérez tamén puxo en valor que “dende hai varios anos as e os socialistas estamos moi concienciados coa mobilidade segura no camiño aos colexios e así o puxemos en valor dende o goberno municipal, programando diferentes actividades en cada curso escolar , sempre co afán de trasladar ás familias e á sociedade unha mensaxe clara sobre os beneficios de acudir camiñando aos centros de ensino e sobre a importancia de reducir o uso innecesario do coche”. E finalizou sinalando que “temos que seguir traballando nesta liña, para que Barbadás continúe avanzando en materia de seguridade viaria e mellorando a contorna dos centros de ensino para as nosas crianzas”.

No relativo a moción para a mellora das piscinas municipais, que contou co apoio unánime de tódalas forzas políticas, a concelleira socialista Noemí Pintos Fondevila expuxo que os traballos que se propoñen na moción “íanse realizar a comezos de ano”, pondo o foco en que o ano pasado “as piscinas de Barbadás foron as primeiras da provincia en abrir, polo que entendemos que as melloras deben levarse a cabo canto antes”. A edil puxo de manifesto a necesidade de “mellorar os sistemas de depuración, proseguir coas múltiples actividades ofertadas o verán pasado, realizar cambios nas piscinas pequenas e melloras nas zonas de vestiarios”.

Pintos Fondevila apuntou que “somos conscientes de que é preciso o financiamento de outras administracións para levar a cabo melloras estruturais, tal e como se fixo en concellos como o de Pereiro, con notables modificacións na oferta ás persoas usuarias do parque acuático de Monterrei, sufragadas por Xunta e Deputación”. A concelleira do PSdeG-PSOE de Barbadás tamén subliñou que “é de vital importancia que o goberno municipal  continúe a liña de traballo artellada polo PSOE cando formaba parte do goberno local para converter Barbadás nun lugar atractivo para a veciñanza e para as persoas visitantes, que beneficien tamén ao comercio local e ao sector da hostalaría porque o obxectivo debe ser o de ofrecer un abono de espazos públicos de calidade”.

Reproches ao PP e ao goberno local por non contar coa veciñanza

Durante a sesión plenaria tamén se trataron outros asuntos, como o cambio de denominación de varias rúas e prazas no municipio. En relación ao cambio de denominación da praza da Valenzá vella a voceira socialista, Victoria Morenza Doforno, afirmou que “estamos de acordo en humanizar a praza, pero creemos que xa que non se ía realizar o cambio de nome da avenida de Celanova a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pola súa complexidade no cambio administrativo, creemos que é preciso buscar unha rúa de máis enxundia”. A concelleira socialista afeoulle ao alcalde e ao seu equipo que “non se fixera consulta algunha coa asociación de veciños das Lamas para o cambio de denominación da rúa Milladoiro”, xa que tal e como apunta “debería pulsarse a opinión da veciñanza”.

A voceira socialista tamén lle reprochou ao Partido Popular e  a súa voceira, Chelo Vispo, durante o debate dunha moción para garantir unha accesibilidade real e viable ao centro de saúde que “faga oposición á oposición dende a oposición”. Morenza Doforno sinala que “é unha incoherencia que o PP fale de accesibilidade, cando o centro xa foi construído fai anos e que mencione informes técnicos desfavorables, o que amosa que falan de oídas”.

Apoio a igualdade real e efectiva fronte ao tratamento do machismo

O PSdeG-PSOE de Barbadás amosou o seu “rotundo” apoio a unha moción do BNG para conseguir avanzar cara unha igualdade real e efectiva fronte o machismo. A concelleira socialista, Ana Belén Peleteiro, expuxo que “a extrema dereita está erosionando a lei de igualdade e vemos a un PP disposto a pacta con eles”. Lembrou que en Galicia, o PSdeG presentou no Parlamento unha proposta non de lei, porque as galegas eran as terceiras pola cola nos salarios que perciben, pero o PP votou en contra”.

Peleteiro aproveitou o debate para sinalar que “Barbadás non é alleo a esta situación, posto que aquí viviuse un presunto caso de acoso sexual por parte dun compañeiro a outra compañeira e o alcalde tapouno”. Neste senso tamén fixo fincapé en que “aquí mantense unha práctica política que xera medo, con coaccións e intimidacións, que levaron as cinco concelleiras socialistas a romper o goberno”. A edil socialista subliñou que esta moción “obríganos a mirarnos ao espello e a preguntarnos se en Barbadás estamos sendo coherentes cos valores que dicimos defender” e finalizou afirmando que “non imos ser cómplices do silencio porque a igualdade real comeza neste salón de plenos”.