Concello de Ourense Economía FONDOS PÚBLICOS

Denunciamos que se aprobe, en 2026, a Conta Xeral de hai dous anos mentres se teñen servizos en precario e riscos sen provisionar

As socialistas Ourense denuncian que o goberno municipal aproba, en 2026, a Conta Xeral de 2024 mentres mantén contratos esenciais vencidos, servicios públicos desfasados e riscos sen provisionar

As edís do PSdeG expoñen que a Conta Xeral tamén reflicte un saldo vexetativo negativo de -790 persoas e unha idade media superior aos 48 anos. O que se traduce en que Ourense se avellenta aceleradamente mentres o goberno municipal “limita a súa acción a cuadrar balances”

Ter cartos no banco mentres os contratos caducan e a cidade funciona en provisionalidade permanente non é prudencia financeira, é falta de planificación”, afirma contundente María Fernández

En Ourense, a 3 de marzo de 2026.

Logo da reunión da Comisión Especial de Contas que tivo lugar esta mañá, as edís do grupo municipal socialista sinalan que resulta revelador que no ano 2026 se estea a aprobar agora a Conta Xeral de 2024; dous anos despois dos feitos que analiza, cando moitas das situacións que describe —contratos vencidos, servizos en precario, riscos sen provisionar— non só non se corrixiron, senón que continúan exactamente igual. Unha cidade que vive permanentemente no pasado dificilmente pode avanzar.

“A Conta Xeral do exercicio 2024 evidencia unha realidade preocupante: o Concello de Ourense non ten un problema de cartos, ten un problema de xestión. Con máis de 106,7 millóns de euros de ingresos, sen débeda viva e con máis de 3,6 millóns en xuros de depósitos, o executivo local mantén en situación de precariedade os principais contratos estruturais da cidade”, advirte a socialista María Fernández.

Neste senso, indican dende o grupo do PSdeG que, segundo recolle expresamente a propia Memoria, servizos esenciais como o transporte urbano (vencido dende 2015), a auga e saneamento (vencido desde 2018), ou a limpeza viaria continúan funcionando sen contrato en vigor. “A todo elo debemos sumar a actual suspensión do contrato da ORA cunha liquidación millonaria e sen alternativa para o caos de tráfico xerado nin apoio local aos traballarores e traballadoras do servicio que levan case dous meses agardando. Isto significa que Ourense leva anos sostendo servizos básicos nunha situación xurídica irregular”, destaca a edil.

“O Concello recoñece que pode haber consecuencias económicas, pero decide non prever nin un euro para afrontalas, como xa tivemos a ocasión de comprobar este ano cos recoñecementos extraxudiciais das empresas concesionarias do servizo de limpeza e recolllida de lixo e da auga. Esta forma de actuar supón trasladar os riscos á cidadanía e arrastralos no futuro”, continúa explicando Fernández.

Así as cousas, dende o grupo municipal socialista entenden que a Conta Xeral 2024 deixa claro que Ourense non ten un problema económico, ten un problema político. “Hai cartos, pero non hai rumbo. Non se pode gobernar unha cidade con contratos caducados e sen prever os riscos que iso implica. Chegamos tarde á contabilidade e chegamos tarde á xestión”, subliña.

Ademais, lembran que o executivo local leva anos presumindo de non ter débeda; pero advirten de que a ausencia de débeda non pode converterse nunha coartada para a inacción. “Ter cartos no banco mentres os contratos caducan e a cidade funciona en provisionalidade permanente non é prudencia financeira, é falta de planificación”, afirma contundente.

Cidade en declive demográfico e dependencia estrutural

As socialistas expoñen que a Conta Xeral tamén reflicte un saldo vexetativo negativo de -790 persoas e unha idade media superior aos 48 anos. O que se traduce en que Ourense se avellenta aceleradamente mentres o goberno municipal “limita a súa acción a cuadrar balances”.

“Non hai visión estratéxica, non hai planificación a medio prazo, non hai modelo de cidade. O 35% dos ingresos proceden da Administración Xeral do Estado. O principal ingreso propio segue sendo o IBI urbano. Para nós a pregunta é clara: Está ese esforzo fiscal transformándose en mellores servizos e seguridade xurídica para a cidade? Os datos indican que non”, remata a socialista.