concellos POLÍTICA PROVINCIAL

Manuel Rodríguez deixa a alcaldía de Coles tras 16 anos ao fronte

MANUEL RODRÍGUEZ ANUNCIA A SÚA RENUNCIA Á ALCALDÍA DE COLES TRAS 19 ANOS AO FRONTE DO CONCELLO

O ata agora alcalde continuará formando parte da corporación municipal como concelleiro e reafirma o seu compromiso co municipio nesta nova etapa de servizo público.

Susana Rodríguez asumirá a alcaldía e converterase na primeira muller en ocupar este cargo na historia de Coles.

Coles, 13 de marzo de 2026. O alcalde de Coles, Manuel Rodríguez, anunciou hoxe a súa renuncia á alcaldía tras 19 anos á fronte do Concello, unha decisión que se fará efectiva no pleno celebrado na xornada de hoxe.

Na súa despedida, Rodríguez explicou que se trata dunha decisión “moi meditada”, adoptada tras reflexionala coa súa familia e co equipo de goberno, e sinalou que chega “o momento de concluír a miña etapa na alcaldía de Coles”.

O rexedor deixa o cargo cunha “mestura de orgullo, satisfacción e profundo agradecemento” tras case dúas décadas ao servizo da veciñanza. Na súa intervención agradeceu o traballo e a dedicación de todo o persoal municipal, así como o compromiso e a lealdade do seu equipo de goberno, e tivo tamén palabras de recoñecemento para as veciñas e veciños polo apoio e a confianza depositada durante todos estes anos.

Rodríguez amosouse satisfeito polo camiño percorrido e sinalou que o Coles actual é “máis próspero, dinámico e solidario” que o que atoparon ao inicio do seu mandato. Ademais, destacou que deixa un equipo “comprometido e preparado” para afrontar os retos de futuro.

O exrexedor continuará formando parte da corporación municipal como concelleiro e expresou a súa confianza na que será a nova alcaldesa, Susana Rodríguez, á que acompañará “coa mesma lealdade e compromiso”.

Na súa intervención, Rodríguez sinalou que “ser alcalde non é un oficio, é unha forma de vivir” e explicou que significa que “o teu teléfono nunca se apaga” e que “os problemas dos veciños e veciñas son os teus propios”. Ademais, pediu desculpas “por aquelas portas que non puiden abrir, por aqueles problemas que aínda non se solucionaron e polas decisións que, aínda que tomadas coa mellor intención, non foron do agrado de todos e todas”.

Rodríguez concluíu a súa intervención sinalando que foi “unha honra inmensa” exercer como alcalde de Coles durante todos estes anos.