MANUEL RODRÍGUEZ PASA O RELEVO TRAS 19 ANOS E SUSANA RODRÍGUEZ CONVÉRTESE NA PRIMEIRA ALCALDESA DE COLES
O ata agora rexedor pon fin a case dúas décadas de servizo público cunha valoración moi positiva da transformación experimentada polo municipio, e continuará formando parte da corporación como concelleiro
Susana Rodríguez, quen tamén é deputada na Deputación de Ourense, asume a alcaldía e convértese na primeira muller en dirixir o Concello de Coles desde a restauración da democracia
Coles, 13 de marzo de 2026. O alcalde de Coles, Manuel Rodríguez, anunciou hoxe no pleno municipal a súa renuncia á alcaldía tras 19 anos á fronte do Concello. Nunha intervención que mesturou emoción e balance de xestión, Rodríguez describiu a súa decisión como «moi meditada», adoptada trala reflexión coa súa familia e co equipo de goberno, e sinalou que chegara «o momento de concluír a miña etapa na alcaldía de Coles».
O alcalde saínte fixo un balance moi positivo do camiño percorrido e sinalou que o Coles de hoxe é «máis próspero, dinámico e solidario» que o que atopou ao inicio do seu mandato. Rodríguez quixo dedicar palabras de recoñecemento ao persoal municipal, ao seu equipo de goberno, e, sobre todo, á veciñanza do municipio, polo apoio e a confianza depositada durante case dúas décadas de servizo público continuado.
Na súa despedida, Rodríguez non eludiu as dificultades inherentes ao exercicio da responsabilidade municipal. O xa exrexedor pediu desculpas «por aquelas portas que non puiden abrir, por aqueles problemas que aínda non se solucionaron e polas decisións que, aínda que tomadas coa mellor intención, non foron do agrado de todos e todas». Definiu o cargo cunha frase que resume a entrega que require: «ser alcalde non é un oficio, é unha forma de vivir».
Manuel Rodríguez continuará formando parte da corporación municipal como concelleiro e expresou a súa confianza plena na nova alcaldesa. Acompañará a Susana Rodríguez «coa mesma lealdade e compromiso» co que serviu durante todos estes anos ao municipio. Deixa, nas súas propias palabras, un equipo «comprometido e preparado» para afrontar os retos de futuro que ten por diante o concello de Coles.
Susana Rodríguez, primeira alcaldesa na historia de Coles
A sesión plenaria de hoxe supón un fito histórico para Coles ao abrir o camiño para que Susana Rodríguez asuma a alcaldía, convertíndose na primeira muller en dirixir o Concello. A nova alcaldesa chega ao cargo con ampla experiencia na xestión pública, exercendo na actualidade como deputada provincial na Deputación de Ourense, onde representa ao municipio e á comarca no seo do Grupo Provincial Socialista.
Manuel Rodríguez concluíu a súa intervención subliñando que foi «unha honra inmensa» exercer como alcalde de Coles durante todos estes anos. O municipio despide así a un dos seus alcaldes de máis longa traxectoria na democracia local, que entrega o relevo en condicións de estabilidade e compromiso que garanten a continuidade do proxecto socialista no concello.
Saúdos.

