concellos Infraestruturas INICIATIVAS

O PSOE de Beade impulsa melloras na seguridade viaria na OU-212 a través dunha moción

O PSDEG-PSOE DE BEADE IMPULSA MELLORAS NA SEGURIDADE VIARIA E PEONIL NUN TRAMO DA ESTRADA AUTONÓMICA OU-212, A TRAVÉS DUNHA MOCIÓN QUE FOI APROBADA NO PLENO MUNICIPAL POR UNANIMIDADE

O texto aprobado recolle a necesidade de executar un sendeiro seguro, especialmente na marxe dereita da vía, que cumpra criterios de seguridade, accesibilidade e integración paisaxística, ao tempo que contribúa á posta en valor da contorna

Carmen Rama destaca que “esta moción responde a unha demanda real da veciñanza e das persoas que transitan diariamente por este tramo” e apunta que desde o PSdeG-PSOE de Beade “seguimos traballando con responsabilidade e propostas concretas que melloren a calidade de vida no noso municipio”

No mesmo pleno, o PSdeG-PSOE de Beade acadou tamén o respaldo unánime da corporación para outras dúas mocións centradas na igualdade e no benestar social, reforzando o seu compromiso cun concello máis xusto e inclusivo

Beade, 22 de abril de 2026. O PSdeG-PSOE de Beade logra sacar adiante por unanimidade no pleno municipal unha moción orientada a mellorar a seguridade viaria e peonil nun tramo da estrada autonómica OU-212, reforzando así o seu compromiso co benestar da veciñanza e co desenvolvemento do municipio.

A iniciativa, presentada pola voceira socialista, Carmen Rama Cotelo, xunto co concelleiro Miguel A. Carreiro Estévez, propón instar ao concello a iniciar conversas coa Xunta de Galicia para a elaboración dun proxecto que permita actuar no tramo comprendido entre os quilómetros 40 e 39, na contorna da igrexa parroquial de Santa María de Beade en dirección a Caldelas de Berán.

A moción pon de manifesto a situación actual desta vía, que coincide cun tramo do Camiño da Geira e dos Arrieiros, transitado tanto pola veciñanza como por un número crecente de peregrinos. “A inexistencia dun itinerario peonil alternativo provoca que as persoas teñan que circular pola beiravía da estrada, incrementando o risco de accidentes”, explica a voceira socialista, Carmen Rama Cotelo.

Neste senso, o texto aprobado recolle a necesidade de executar un sendeiro seguro, especialmente na marxe dereita da vía, que cumpra criterios de seguridade, accesibilidade e integración paisaxística, ao tempo que contribúa á posta en valor da contorna. Rama Cotelo destaca que “esta moción responde a unha demanda real da veciñanza e das persoas que transitan diariamente por este tramo” e apunta que desde o PSdeG-PSOE de Beade “seguimos traballando con responsabilidade e propostas concretas que melloren a calidade de vida no noso municipio”.

A voceira socialista subliñou tamén que “o incremento de peregrinos nos últimos anos fai aínda máis urxente actuar, garantindo a súa seguridade e consolidando Beade como un punto de paso seguro e atractivo dentro do Camiño”. A proposta inclúe ademais a solicitude dun proxecto técnico detallado e o estudo de posibles vías de colaboración e financiamento entre administracións, así como o compromiso de informar á corporación municipal dos avances nas xestións realizadas.

Coa aprobación desta iniciativa, o PSdeG-PSOE de Beade reafirma o seu papel activo no impulso de medidas en beneficio da cidadanía, apostando por solucións concretas e polo diálogo institucional para dar resposta ás necesidades do municipio.

Outras iniciativas aprobadas no pleno

No mesmo pleno, o PSdeG-PSOE de Beade acadou tamén o respaldo unánime da corporación para outras dúas mocións centradas na igualdade e no benestar social, reforzando o seu compromiso cun concello máis xusto e inclusivo.

Por unha banda, aprobouse unha moción con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, na que se reafirma o compromiso institucional coa igualdade real entre mulleres e homes. A iniciativa pon o foco na necesidade de seguir combatendo as desigualdades estruturais que aínda persisten, especialmente en ámbitos como o emprego, a conciliación, os coidados ou a loita contra a violencia machista. Ademais, fai fincapé nos novos retos derivados dos entornos dixitais e na importancia de frear os discursos que cuestionan os avances en igualdade, apostando pola educación en valores e pola implicación das administracións públicas.

Por outra banda, saíu adiante unha moción para avanzar na incorporación da perspectiva de xénero nas políticas de saúde e mellorar a atención sanitaria ás mulleres en Galicia. O texto destaca a necesidade de adaptar a investigación, os diagnósticos e os tratamentos ás especificidades femininas, superando a tradicional visión centrada no modelo masculino. Así mesmo, propón reforzar a investigación, a formación do persoal sanitario e o desenvolvemento de estratexias específicas que garantan unha atención máis equitativa e eficaz.

A voceira socialista, Carmen Rama Cotelo, salientou que “estas iniciativas demostran que o PSdeG-PSOE de Beade traballa de maneira constante por impulsar políticas que melloren a vida das persoas, promovendo a igualdade real e garantindo servizos públicos máis xustos e adaptados ás necesidades da veciñanza”.